Programa especial sobre a situación lingüística, en «Galego con curso»

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

TELEVISIÓN

19 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Como brinde a este último día para Dámaris, Igor, Dolores, Iván, Carlos e Gabi, o programa Galego con curso ten preparado un debate sobre a situación lingüística que se vive en Galicia. Trátase, en realidade, de que cada un dos concursantes, como exercicio final, expoña diante da profesora, Sandra Faginas, as súas impresións sobre a lingua galega.

Non todos os alumnos son galegofalantes, e nin sequera parten dun coñecemento idéntico como castelanfalantes sobre o galego, de aí que as súas propias experiencias sirvan para reflectir os degoiros na aprendizaxe dun idioma que se coñece, pero non se domina. Por iso as dificultades de coñecelo, as interferencias co castelán, pero tamén a situación sociolingüística serán motivo de debate entre todos eles, cuxas posturas -xa se adianta aquí- serán enfrontadas. Gabi, quen sufriu en primeira persoa o rexeitamento nun tempo escuro por desenvolverse en galego na cidade, non acepta a visión dalgún compañeiro que entende que a día de hoxe a realidade deste idioma é absolutamente normal na nosa comunidade. A visión dun madrileño como Iván tamén achegará un matiz interesante sobre as relacións entre os idiomas castelán e galego, especialmente cando intervén a variable campo/cidade.

A riqueza das súas argumentacións, desavinzas e anhelos respecto á lingua servirán, no fondo, como última proba para que a profesora tome a súa decisión nesta final do sexto grupo. Tras vinte días con eles, Sandra Faginas enfróntase a tarefa de avalialos e resolver quen son os dous mellores para que o resto dos compañeiros decidan dese par ao gañador.

As calidades dos finalistas

Despois de 36 alumnos, con perfís moi diversos tanto na personalidade como no que respecta ao dominio da lingua, este espazo que mestura con humor entretemento e aprendizaxe dará a coñecer ao sexto gañador. Un premio que, como no caso de Elena, Carmen, Silvia, Martín e Stella, quen o conseguiron nos programas anteriores, servirá para constatar a boa relación entre todos os concursantes. Porque á fin, ademais de aprender sen medo ao ridículo e xogando, neste espazo queda patente que tan importante é na aprendizaxe saber como estar motivado.

Unha calidade, a disposición, que sempre foi valorada pola profesora e polos alumnos, pois son eles quen ata o de agora destacaron no gañador as súas dotes para manexarse nas relacións da aula. De seguro que Dámaris, Igor, Iván, Carlos, Dolores e Gabi tomarán esa referencia na súa decisión.

Galego con curso emítese de luns a venres en V Telvisión, ás 20. 05 horas, e desde o comezo apostou por unha mirada distendida cara ao idioma, coa meta de que o espectador participe dalgún xeito do bo ambiente xerado na aula para aprender xogando desde a casa.