Nova entrega de «Vaia choio!», ás 21.35 horas, na cadea privada galega
26 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Os espectadores de V Televisión xa coñecen a un dos persoeiros más coñecidos desta nova cadea. Chámase Francesco Negroni. É un italiano de gustos sofisticados e bo vestir, aínda que con certa tendencia barroca, a quen se lle dá por percorrer desta guisa os peores e máis sacrificados traballos de Galicia no programa Vaia choio!, que segue emitíndose todos os luns (21.38 horas), nestes meses de verán.
Na entrega de hoxe Negroni viaxa ata o concello de Frades, na provincia da Coruña. Nesta ocasión traballará nunha pequena empresa familiar que se dedica á recollida de aceite industrial, de cociña. A xornada comeza ben cedo pola mañá coa ruta de recollida de aceite. Negroni e o socio-condutor de S B Galicia percorrerán máis de vinte bares para cargar outros tantos barrís cheos de aceite de cociña, de 20 ou 50 quilos de peso. Pouca cousa para o que lles espera despois. Tras a mañá de recollida, a xornada da tarde comeza co baleirado dos barrís nunha criba. En total baleirará máis de 1.000 litros de aceite, comprobará de primeira man cantas veces foron usados, e terá que separar os restos de croquetas, patacas fritas, fariñas... para a posterior reciclaxe deste, xa que o aceite de cociña acabará convertido en combustible biodiésel.
Hoxe, de traxe negro
Despois de baleirar e separar, toca limpar os barrís con sosa cáustica para o seguinte día de recollida. Hoxe Negroni opta por un rigoroso traxe negro para un traballo aceitoso e... esvaradizo.
Non faltarán en Vaia choio! as habituais seccións nas que Negroni mantén unha conversa coa súa «mamma» italiana, sempre preocupada polo seu benestar e pola súa adaptación a unha sociedade tan diferente a súa como é a galega. Tamén Negroni seguirá ofrecendo os seus particulares cursos de xestos. Xa se sabe que o italiano é un idioma moi expresivo, en o reporteiro do programa é un dominador destas técnicas, que presenta de xeito habitual. Vaia choio! é un espazo de producción propia de V Televisión.