«Sobre rodas» fai un seguimento dun camioneiro que percorre 4.000 quilómetros semanais
13 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.V Televisión presenta esta noite, a partir das 21.35, Sobre rodas, o programa que cada semana fai un seguimento de persoas que manexan medios diversos con fins singulares.
Nesta entrega, o espazo presenta a Iván Barreiro, un carballés con gran afección ás motos. Todas as fin de semana, cun grupo de amigos organizaba rutas para percorrer neste vehículo diversas zonas de Galicia. Pero a súa afección non quedou alí. Montou unha escudaría, Eco-quad Galicia, para competir na modalidade de quad cros. Estas probas consisten en demostrar a habilidade destes pilotos nestes aparellos de catro rodas, máis complicados de dirixir do que parece. Son pesados, aínda que permiten desprazarse por zonas con gran pendente, e esixen un coñecemento técnico e un bo estado físico.
Tamén levan, con resignación, as críticas de colectivos ecoloxistas, que os acusan de non respectar a natureza. Eles deféndense dicindo que so utilizan os quads en zonas específicas e non invaden outras partes do monte. Se recoñecen que as imprudencias dalgúns crean a mala fama que pode ter este deporte.
Pola súa parte, José Manuel Álvarez é un condutor de ampla experiencia, natural da localidade pontevedresa de Porriño. Todos o coñecen como Gadafi, o alcume que utiliza como radioafeccionado desde o seu vehículo de gran tonelaxe para comunicarse cos seus compañeiros e xente que vai atopando nas frecuencias que utiliza.
José Manuel Álvarez fai semanalmente más de 4.000 quilómetros desde Porriño ata a cidade francesa de Mulhouse. Vive catro días á semana na cabina do camión, onde ten unha cama estreita que utiliza en moitas viaxes.
Destaca que en Francia a cousa está mellor que en España e as gasolineiras contan con máis servizos para estes profesionais. Leva un ordenador portátil a bordo que lle serve para ver as súas películas favoritas. O seu actor preferido é Bruce Willis, porque lle gustan as películas de acción. José Manuel Álvarez recolle pezas de vehículos en Mulhouse, que logo traslada ata a factoría de Citroën en Vigo para a súa ensamblaxe.