O restaurador Flavio Morganti será o invitado no espazo «Oficio de palabras»
TELEVISIÓN
O programa Oficio de palabras (TVG, 00.25 horas) contará esta noite co escritor Flavio Morganti, un dos mellores embaixadores que ten a cociña galega no mundo.
As palabras e o pensamento son a ponte de distintos territorios artísticos, neste espazo cultural dirixido e presentado polo escritor Xosé Carlos Caneiro, que achega a entrevista de ton intimista e próximo. Hoxe, compartirá mesa e diálogo con Flavio Morganti, restaurador e escritor nacido en Italia, que no ano 2009 recibiu o premio de Gastronomía de Galicia e que no 2007, co seu libro Vacas , obtivo, entre outros moitos galardóns, o prestixioso premio Gourmand ao mellor libro de cociña en España.
O espazo cultural da noite ábrese para coñecer e escoitar un innovador constante, defensor de pratos elaborados pero atento tamén á tradición. Co seu libro El árbol del pan, descobre as posibilidades dun produto clave na historia galega, a castaña.