Varias asociacións do mundo do libro protestan por la supresión do servizo de Cultura da TVG
TELEVISIÓN
A Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editores e a Federación de Libreiros de Galicia manifestaron onte a súa «profunda preocupación» pola supresión do servizo de Cultura da Televisión de Galicia, creado no 2005.
Estas asociacións sinalaron nun comunicado que a suspensión do «único programa» da TVG centrado na divulgación e coñecemento da literatura galega, Libro aberto , os «enche de incerteza». Tamén se mostraron preocupados pola «consecuente falta de visibilidade» dos escritores en lingua galega e das novidades da produción editorial.
As asociacións lembraron que entre as «obrigas» da CRTVG, en aplicación do artigo 16 da lei que regula a compañía, figura que a programación «debe estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galegas».
A este respecto, a dirección da TVG anunciou onte que proxecta levar a cabo «un intenso esforzo nos programas de contido educativo e cultural» cara á temporada de outono. Aseguran que o novo equipo directivo traballa xa na mellora da oferta cultural na cadea autonómica, co obxectivo de incluír programas. Ademais incide en que estes programas terán una prioridade no horario diurno.