«Precisamos crer»

Por Nacho Mirás Fole

SANTIAGO CIUDAD

Vén de substituír ao Mago Antón no seu colectivo, prefire a maxia feita a medio metro de distancia e está convencido de que Juan Tamariz é un xenio

26 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Asociación de Magos Profesionais de Galicia é unha entidade que non ten parangón en España. Os seus dezaseis membros xa non sacan coellos de chisteras, pero teñen conseguido algo, se cadra, máis marabilloso: que a maxia sexa comprendida como unha arte. Martín Camiña Serén (Sanxenxo, 1978), é o seu presidente.

-¿Mago, ilusionista, prestidixitador...?

-Son palabras sinónimas, aínda que penso que o termo que mellor define o que nós facemos é ilusionista.

-Releva ao Mago Antón no posto...

-Como en todos os colectivos, despois duns anos de lexislatura hai eleccións, pero sen ningún problema.

-E, como en todos os colectivos, a directiva ten un programa, aínda que sexa máxico...

-Hai diferentes obxectivos: impulsar a actividade todos a unha; publicar un libro sobre a maxia en Galicia... Esta é unha asociación profesional de toda Galicia, pero hai moitos colectivos nas outras cidades. Aquí estamos dezaseis, o noventa por cento dos magos profesionais da comunidade.

-¿Para un país como Galicia é moito ou pouco?

-É bastante. Grazas a esta asociación, que naceu hai catro anos e pico, conseguíronse éxitos únicos en toda España, como facer circuítos de maxia para os concellos, axudas públicas para a actividade, ou a consideración de arte para as Administracións públicas, o que nos permitiu expandirnos.

-¿Os nenos, tan acostumados aos efectos especiais das pantallas, aínda quedan coa boca aberta ante un mago?

-Un neno, un pai ou unha nai. Aínda a pesar de estar rodeados de tanta tecnoloxía. A maxia transmite unha emoción en directo. É como cando escoitas un piano que te envolve.

-Un sempre queda con ganas de saber como o fixo o mago, de saber onde está o truco...

-Ao primeiro, eu mesmo, cando era cativo, quería saber como facían os ilusionistas. Coñecer é algo intrínseco ao ser humano. Pero penso que a xente, cando leva un tempo metida no espectáculo, prefire deixar esa parte curiosa e gozar.

-¿Internet non lles fixo dano? Os trucos están á vista...

-Internet ten moitísima información en todos os campos, e a xente que realmente ten interese pola maxia e quere meterse no noso mundo é un pouco a xente que perde o tempo, entre aspas, en ver esa información.

-¿Quen prefire, Juan Tamariz ou David Copperfield?

-Son estilos completamente distintos. Copperfield conseguiu estender a maxia a todo o mundo e que os teatros se encheran de diferentes tipos de público. Tamariz é un xenio da maxia de preto e da comunicación, Copperfield conseguiu elevar a maxia á categoría de arte.

-¿E non hai magas?

-Poucas. Na asociación animámolas a que veñan. Pode ser que elas non tiveran unha referencia coma nós, que si que atopabamos persoas como Tamariz ou Copperfield.

-Sempre quedaron no papel de axudantes, de mulleres tronzadas pola metade...

-Son vestixios da sociedade machista. Nós tamén queremos desterrar esa imaxe; pode haber magas e homes que fagan de axudantes.

-¿Comezou vostede de neno coa Magia Borrás?

-Eu non, pero a grande maioría, si. Eu devorei un libro de maxia que estaba esquecido na casa dos meus pais, con trece ou catorce anos. Aprendín a facer algunha cousiña e, anos máis tarde, conseguín entrar en contacto con magos, asociacións, aprender con mestres...

-¿Todos os membros da asociación viven da maxia?

-Todos. A maxia é unha industria cultural, os magos non traballamos sós: temos guionistas, iluminadores, xente que fai posibles os espectáculos.

-¿Isto é máis don innato ou adestramento?

-Ten moito adestramento; un gran pianista ten que practicar sempre, e os magos sempre practicamos. Mira, agora mesmo, esta moeda [mostra un cuarto de dólar nunha man], esta moeda pode desaparecer, aínda que non teña mangas pode volver aquí, volve a aparecer [efectivamente, todo iso pasa ante a mirada do entrevistador]. Gústame a maxia a medio metro de distancia, ver como se che acaba de alumear a cara.

-¿Non lle tenta facer desaparecer a catedral de Santiago? Veña, probe...

-¿En pleno Xacobeo? ¡Igual me botan do país! [ri]. Bueno, en calquera caso, sería con volta.

-Na súa profesión nunca desconectan, son magos sempre...

-É o noso traballo, pero tamén a nosa afección, e ten que ser así.

-¿O xénero humano cre todo o que lle boten?

-Penso que é bo. Precisamos crer. Tamén no cine sabemos todo o que hai por detrás e non por iso deixamos de emocionarnos.