«É o gran persoeiro da cultura galega do século XX», sinala Teresa Seara, a profesora que firma a antoloxía

La Voz

GALICIA

15 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Teresa Seara, profesora e crítica literaria, seleccionou os textos da antoloxía de Castelao, «unha escolma na que se procurou un equilibrio entre as distintas facetas da personalidade do escritor, o pensador, o político e o artista plástico», segundo relata a propia autora da escolma. Sara sinala que o libro «toca cada un dos xéneros literarios que cultivou e recolle textos emblemáticos, tanto no que toca á liña máis comprometida como á máis lúdica. Con eles preténdese dar unha imaxe o máis completa posible dunha voz que, aínda hoxe, segue a sernos esencial».

Seara recorda que, sendo estudante de Medicina, Castelao despuntou como artista plástico (pintura, caricatura), faceta que lle reportou varios premios e recoñecemento a alto nivel e á que dedicou boa parte da súa vida profesional xa que, pouco despois de licenciarse, abandonou a práctica médica explicando: «Fíxenme médico por amor a meu pai; non exerzo por amor á humanidade». Indica que coa súa obra plástica amosou o seu compromiso cos desfavorecidos e resaltar as atrocidades da Guerra Civil.

Destaca que Castelao foi narrador ( Un ollo de vidro , Retrincos , Cousas , Os dous de sempre ), dramaturgo ( Os vellos non deben de namorarse ) e ensaísta ( Sempre en Galiza , cumio do ensaio galego). Engade que «en toda a obra defende aos débiles, aos discriminados, e critica con dureza aos caciques e explotadores». Pero Seara tamén subliña a tenrura e o humor dos textos de Castelao.

Destaca que, no terreo político, Castelao militou no Agrarismo, nas Irmandades da Fala e no Partido Galeguista. Foi redactor do Estatuto de Autonomía para Galicia que se plebiscitou en 1936 e defendeuno nas Cortes. Tras do alzamento franquista, xa no exilio, traballou a prol da República e dos intereses de Galicia até a súa morte.

Seara afirma que Castelao é o gran persoeiro da cultura galega do século XX polo peso da súa obra e polo traballo político que desenvolveu a prol de Galicia. Por iso foi o segundo homenaxeado no Día das Letras Galegas.