Natural de Malpica, ademais de responsable do centro galego de Zug é quen representa e coordina ao resto das entidades do país
09 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Pedro Hombre Pombo (Malpica, 1944, en Suíza dende 1970) xa avisaba un pouco antes do mes de decembro do ano pasado de que algo raro estaba pasando: empezaba a haber xente que preguntaba se habería traballo por aló. Daquela parecía unha anécdota, casos moi contados sen importancia. Hoxe, aquel goteo chamativo xa empeza a parecer outra cousa. Leva case toda a súa vida emigrante dedicado ao mundo asociativo.
-¿Como van indo as cousas?
-Non se poden dar cifras, porque non as hai. Dende os consulados si nos informan de que vai en aumento a xente que volve. Pero hai moitos que non queren que se saiba, é moi complicado ter datos. Pero si se percibe, vendo o que hai, o que che van contando...
-¿Chámano a vostede dende España preguntando como está a situación?
-Nas últimas semanas chamáronme entre 15 e 20 coñecidos de todas partes de Galicia a ver se lles atopaba algo. Algúns preguntan incluso se poderían vir coa familia. É unha tendencia evidente, que está aí.
-¿E hai traballo?
-Hai moitas obras en marcha, e as empresas están collendo moita man de obra barata, de emigrantes doutros países que foron chegando. Pero o galego é un emigrante que traballa ben, as empresas máis fortes saben que o galegos son moi bos. Temos prestixio, somos coñecidos, e iso axuda.
-¿Pensa que se vai recuperar a emigración a Suíza?
-Non, e non sería bo que retornase a xente. Pero hai que ver as cousas como están, a xente está no paro e ten que traballar. E se non hai traballo en España buscan fóra. Eu coñezo exemplos de casas con catro ou cinco parados. ¿Que fas ante circunstancias coma estas?
-¿Cal é o soldo dun obreiro da construción?
-Depende de moitos factores, pero antes podían sacar de media uns 3.800 ou 4.000 francos (entre 2.500 y 2.650 euros), e agora, menos. Cambiaron os soldos e tamén o sistema de traballo. Por exemplo, as empresas case non fan horas extraordinarias. Os tempos son outros.