«Non son nada mitómana»

Por Nacho Mirás Fole

VIGO CIUDAD

Puido ser farmacéutica e quixo ser azafata. Na tele, conxenia tan ben con Alfonso Hermida no «Telexornal Mediodía» que hai quen pregunta se son parella

25 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Non lle parece mal que digan dela que é unha «clásica» da Televisión de Galicia, porque o é. Begoña Fontenla Costas (Vigo, 1963) é unha desas presentadoras que, por riba de todo, transmiten verdade.

-Case se pode dicir que é vostede «socia fundadora» da TVG...

-Non tanto. Entrei no 86, e a TVG comezou no 85.

-O de dar a cara en pantalla ten un aquel de responsabilidade engadida que non teñen outros traballos da tele...

-É un traballo como outro calquera, e que lle pode xurdir a calquera dos que están na redacción, por exemplo. Un xornalista ten que estar preparado, aínda que eu non son xornalista, entrei como locutora e son auxiliar de redacción. Estaba a estudar Farmacia, buscaban universitarios e mira.

-Gayoso era avogado...

-Gayoso ía para notario. Somos peregrinos. É curioso, cando eu me presentei ás probas de locución, colleron a outras dúas, eu quedei fóra. Pero elas renunciaron, entón entramos outra compañeira máis eu.

-Unha vez que sae do traballo, ¿consegue pasar desapercibida? Xa sabe como é a xente coas caras populares...

-Si. Vale, houbo algunha vez que tal, como un día que me pediron que firmara no libro de honra dun restaurante, dixen que non, paseino fatal.

-Xa sería na Casa das Tortillas de Cacheiras...

-Non sei. É como cando vas a unha voda e che fan unha foto mentres che din: «Ti xa tes costume de saír nas fotos». E eu digo: «Non, non me gustan as fotos», non é que non sexa fotoxénica, é que non me gusta que me retraten. O que si me di a miña nai cando ve fotos é: «Ti non es esa». Quen me coñece sabe que son unha persoa que xesticulo moito, bastante atropelada ao falar.

-Teñen que dicir cada palabra nas noticias que calquera se trabuca: «Desterritorialización».

-Ou «trasnacionalización», todas esas son moi normais.

-Tamén hai que ter mala uva para facerlle ler iso...

-Non creo que sexa a mala uva. Ou que eu saiba.

-É inevitable que a xente, antes que no seu traballo, se fixen no seu físico e no do seu compañeiro do «Telexornal», Alfonso Hermida, non é doado librarse da parte de sex symbol...

-É normal. De Alfonso... ¡ Madre mía! Pero eu non son nada mitómana.

-No «Telexornal Mediodía» véselle segura, tranquila...

-Estou aprendendo moitísimo, de Alfonso, dos editores, dos directores, dos compañeiros, de todos.

-¿E o estrés de telo todo listo para a hora H?

-Aprendes a relativizar. Estrésanme máis os tres minutos do «Adianto» que o «Telexornal».

-Como dúo televisivo, Alfonso e vostede funcionan moi ben...

-Iso din. Hai xente maior, moitas avoas, que lle teñen preguntado á xente de aquí: «¿E eses son parella?».

-Tería que ser ben complicado presentar un informativo coa súa parella persoal, co seu marido...

-Así coñecín ao meu marido, nun plató.

-Cónteme unha metida de zoca en directo desas históricas...

-¿Como era? Ai, si, o rei Huseín II de Marrocos [ri]. Ou quedar en branco, no aire. Pasoume unha vez, en continuidade, foron os dez segundos máis longos da miña vida. Queres que se che trague a terra.

-¿E risa?

-Hai momentos, hai complicidades, sobreentendidos. A min se me nota. Na tele, cada minuto pode haber unha sorpresa.

-¿Nunca lle tentou facer televisión fóra de Galicia?

-Chamáronme hai tempo, fixen os cástings, pero non me gustou.

-Traballar en Madrid non é o mesmo que vivir en Brión...

-Non. Eu sempre vivín nunha casa, primeiro en Vigo, no chalé que hai no alto da rúa Pizarro, logo nunha aldea, ao lado das campás de Bastavales.

-¿Ten morriña de Vigo?

-Cada vez máis, aínda que na aldea estou encantada, sempre pensei que era o mellor para criar nenos. Pero boto de menos ese cosmopolitismo, agora que os nenos comezan a ter unha idade, doce e dez anos. E boto de menos a temperatura, que é mellor que aquí.

-¿Chegou a verse como farmacéutica?

-Fixen Farmacia porque son de ciencias, aínda que me encanta escribir, escribir para min. Pero si, mellor tendo farmacia.

-Pois con Gayoso de notario e vostede farmacéutica, a ver que ía ser da tele...

-[Ri]

-¿É certo que lle gusta cantar, que foi a algún karaoke?

-¿A algún? A un só.

-Pois debeuna de ver alguén.

-Gústame cantar, pero canto na miña casa, soa.

-E bailar tamén...

-De toda a vida, cando estudaba en Santiago, o meu era saír pola noite a bailar.

-¿E de non ter sido farmacéutica ou presentadora?

-Azafata, para viaxar. Ou actriz.