«É fundamental para Galicia que non só o nacionalismo vasco e catalán sexan decisivos»

GALICIA

Jorquera ve posible un pacto de lexislatura co PSOE, pero se gaña o PP non renuncia ao diálogo, «aínda que estea nas antípodas»

10 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Jorquera amósase respectuoso coas críticas de sectores minoritarios do BNG á súa elección, pero lembra que nela participou toda a militancia e tivo un aval próximo ao 80%.

-¿Tras renovar as candidaturas ás xerais, haberá que renovar as autonómicas?

-O BNG renovou a súa dirección en datas moi próximas, e o liderado de Anxo Quintana o que fixo foi consolidarse.

-¿Cal será a súa prioridade no Congreso?

-No persoal, representar a Galicia coa mesma dignidade que Francisco Rodríguez. Non espero substituílo porque é insubstituíble, e co tempo a sociedade galega situará o seu labor á mesma altura que os deputados do Partido Galeguista na Segunda República. É un exemplo de honestidade e coherencia política. Como deputado do BNG, espero ser útil para o país.

-Din no PSOE que vostede é máis duro que Rodríguez.

-Fun duro cando era necesario ante posicións do Goberno contrarias ao interese de Galicia. Pero tamén tiven unha actitude de colaboración para apoiar avances sociais.

-¿Terá liberdade de movementos en Madrid ou está atado polo bipartito galego?

-Temos un pacto de goberno co PSOE en Galicia, pero non en Madrid. Se o BNG fose decisivo, se podería chegar a un pacto de lexislatura co PSOE, pero condicionado sempre á asunción de compromisos programáticos fundamentais para Galicia. O posible condicionamento viría desa circunstancia, non polo feito de gobernar co PSOE na Xunta.

-Rodríguez marcha coa espiña de non ter grupo parlamentario. ¿Conseguirase agora?

-O BNG encara os procesos electorais sen autolimitarse. Aspiramos a mellorar os resultados anteriores, xa que nunca como nos últimos tempos a sociedade galega percibiu a utilidade dun BNG decisivo en Madrid para aprobar avances sociais e sobre todo para que Galicia tivese un mellor trato orzamentario. Se esta mellora se traduce en ter grupo parlamentario, mellor que mellor.

-¿Como lograrán que Galicia sexa influínte en Madrid?

-Non haberá maiorías absolutas e os nacionalismos serán decisivos. O vasco e o catalán fórono en moitos períodos. Para Galicia é fundamental que non só o nacionalismo vasco e catalán sexan decisivos, senón tamén o galego e iso só se consegue apostando polo BNG.

-Pero as eleccións están rifadas. ¿Renuncian a ser decisivos se goberna o PP?

-O BNG non aposta só porque os intereses de Galicia se atendan en Madrid, senón tamén por conquistas económicas e sociais. O PP está agora nas antípodas do BNG. Dito isto, é fundamental que entre todas as forzas haxa interlocución e diálogo. Se se dá esa circunstancia, que o BNG non desexa, sería bo para Galicia que tivésemos capacidade de interlocución co partido gobernante.