Pensa igualar os dereitos dunha viúva con dous fillos a unha divorciada/solteira con dous fillos, xa que as primeiras son consideradas familia numerosa, mentres que as segundas non.

La Voz

ELECCIONES GALLEGAS 2009

26 feb 2009 . Actualizado a las 09:33 h.

Alberto Núñez Feijoo

«Haberá axudas ás familias monoparentais»

«O meu compromiso nesta cuestión é claro: as familias monoparentais que, por esta circunstancia, deban enfrontarse a situacións de desvantaxe, terán a consideración de familia numerosa e poderán acceder ás novas posibilidades que ofreceremos a este colectivo en áreas como a educación (exención ou bonificación de taxas universitarias), vivenda (maior oferta de pisos protexidos e superficie axeitada ás necesidades reais), bonificacións para residencias e actividades de ocio, deportivas e culturais, así como no acceso ás novas tecnoloxías».

Emilio Pérez Touriño

«Seguiremos traballando pola igualdade»

«Durante estes anos de goberno o que fixemos foi aprobar e levar á práctica leis e acordos de vital importancia para lograr a igualdade real de dereitos e oportunidades das mulleres en todos os ámbitos da vida, como a Lei do traballo en igualdade das mulleres, a Lei integral para o tratamento da violencia de xénero ou o incremento da taxa de emprego feminino ata case o 57%. Nese camiño seguiremos traballando. En calquera caso, impulsaremos o diálogo necesario para acabar con calquera situación que poida menoscabar o dereito dunha muller a obter na situación que vostede comenta as axudas pertinentes, independentemente do seu estado civil».

Anxo Quintana

«O recoñecemento é unha competencia estatal»

«O recoñecemento da condición de numerosa ás familias monoparentais con dous fillos a cargo é unha competencia estatal. Non obstante, o BNG ten defendido este recoñecemento, co seu apoio á Lei de Orzamentos do Estado para o 2009, que obriga ao Goberno central a levar a cabo as modificacións legais necesarias para que tal equiparación sexa realmente efectiva. Así mesmo, desde a Vicepresidencia da Xunta temos posto en marcha numerosas iniciativas en favor destas familias. Esta cuestión é un bo exemplo da necesidade dun maior autogoberno».