«Se o Goberno non retira a reforma ao mellor hai que ir a outra folga»

Luís Villamor SANTIAGO/LA VOZ.

ECONOMÍA

O líder da CIG constata que nos servizos e no transporte hai «bo ambiente» para o paro, non así na función pública

28 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Na CIG camiñan aparte de UGT e CC.??OO. nesta folga para que non se lles «confunda». ¿Zapatero? «Agora é máis papista que o Papa», observa Seixo.

-¿Por que a CIG vai separada de UGT e CC.?OO. á folga?

-Eles están metidos nunhas mesas de diálogo social. A folga tiña que terse celebrado con anterioridade e non foi así, e nós non queremos que se nos confunda con esa maneira de facer as cousas. En Galicia, con dous meses de antelación a celebrar unha folga, teñen asinado un acordo coa patronal e a dereita como se ninguén tivese culpa e todos tivésemos as mesmas responsabilidades.

-¿E se a folga non é tan efectiva como pretenden os sindicatos?

-Unha vez está aprobada a reforma iso non axuda. É certo. E hai unha idea de que as medidas que se van aprobar son necesarias, premisas que se repiten dende o poder e os medios de comunicación. Pártese dunha situación de frialdade que non había no 2002. Aínda así, na medida que se explica a reforma hai un cambio de actitude. Onde máis dificultade vemos é na función pública, quizais por que xa houbo unha convocatoria do sector. Nos servizos e no transporte hai bo ambiente para o paro.

-Despois da folga, ¿que?

-Haberá que ver a reacción do Goberno, porque se fai para obrigalo a que retire a reforma e chamar a atención para que non continúe coas que ten previstas: pensións, prestacións por desemprego, tanto ou máis importantes. E se o Goberno non retira a reforma, pois ao mellor hai que plantexar ir a outra folga xeral, como en moitos países europeos, e refírome a Francia ou Grecia.

-Pero na reforma das pensións, o PS francés votou en contra...

-Aquí pasouse dunha situación na que o PSOE dixo que as reformas non eran necesarias á contraria, cun Zapatero máis papista que o Papa, e a asumir todas as directrices segundo o FMI e o capital financeiro. No PS francés se cadra viron outra cousa, pero aquí as decisións de Zapatero son alarmantes, ampliando anos e base reguladora, partindo de como vai ser a evolución demográfica, e sen ver que hai maneiras significativas para incrementar os ingresos da Seguridade Social. Xa se fixo na década dos noventa. A reforma agora está inspirada en informes técnicos propagados pola banca, para que o aforro acabe nos sistemas privados de pensións.

-¿Que porcentaxe de paro sería un éxito?

-O obxectivo de paro é do 70%, como no 2002.