O director xeral asegura que o Goberno autónomo vai modificar o Banco de Terras que aprobou o bipartito «para quitarlle o seu carácter intervencionista»
22 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Entrou no primeiro paquete de nomeamentos de altos cargos que realizou Alberto Núñez Feijoo e foi dos últimos funcionarios que abandonaron a Xunta do PP coa vitoria do bipartito. Antonio Crespo Iglesias é un dezano retornado .
-A concentración parcelaria en Galicia é o conto de nunca acabar. ¿Por que van modificar agora a fórmula?
-A normativa é moi antiga. As raíces están en 1962. A concentración, tal e como está, é moi cara e moi lenta, tarda moitos anos. Iso encaixaba nos anos 60, 70 ou 80 pero temos que adaptarnos á nova situación. Estamos gastando cartos e o que queremos é que non haxa un só modelo, queremos abrir esta cuestión a varias posibilidades, segundo as parroquias. Vamos ter que priorizar e hai dous grandes grupos: os relacionados co gando e os do viñedo; todas as zonas de denominación de orixe, e temos que dar solución a isto.
-¿Canto hai por concentrar?
-Non recordo con exactitude pero temos un montón de concentracións abertas e isto levounos a modificar a lei. En Galicia hai un apego especial á terra e os procesos van máis lentos por esta problemática especial. Temos que axilizar os procesos e dar solucións. Temos un montón de parcelarias abertas que consumirían os presupostos de anos e o destino, moitas veces, non é agrario senón que quedan abandonadas. A cada euro que se invista hai que sacarlle produtividade agraria. Na Coruña é onde hai máis concentración feita, pero en zonas máis agrarias queda moito por facer.
-¿Cal vai ser a alternativa?
-Escoitaremos a todo o mundo pero a solución pasa por flexibilizar a concentración, adaptándonos aos agricultores da zona. Moitas veces o feito de poñer as terras en común e explotalas en conxunto chega, e se se mete a Administración polo medio non funciona.
-¿Que estímulos poñerán en marcha para propiciar que os donos xunten as fincas?
-Nós faríamoslles o papeleo e axudaríamos no tema de impostos para que lles saíra co menor custe posible ao agricultor. E en moitos casos faríamos as concentracións nas zonas eminentemente agrarias, para solucionar as necesidades inmediatas.
-¿Por que Galicia ten tan pouca superficie de cultivo?
-É un problema de vello e temos que utilizar a que temos, que aínda non a estamos a aproveitar en condicións. Esas fincas quedan a ermos e sen utilizar debidamente e a través do Banco de Terras imos cambiar isto.
-Ao primeiro estaban en contra do Banco de Terras e despois propuxeron reformalo. ¿Como vai quedar?
-Temos xa un anteproxecto de lei para reorganizar as infraestruturas de desenvolvemento rural e, evidentemente, nós o que tentamos é abrir isto e facelo máis atractivo para a xente. Imos meter varias medidas que xa llas comunicamos aos sindicatos agrarios. Imos mellorar o Banco de Terras, que a día de hoxe está pensado só para solo rústico de especial protección agropecuaria, e entendemos que hai unha cantidade de terreo que se podería aproveitar, polo que se ampliará a solo rústico en xeral. Isto traerá unha serie de vantaxes porque nos meteremos no terreo de fincas descoidadas. Queremos tamén quitarlle ao Banco de Terras o carácter intervencionista, aparte de retirar o dereito de tanteo e retracto.
-¿Hai moitas fincas desaproveitadas?
-Hai unha cantidade de fincas que non está aproveitando ninguén, e neste caso o propietario é o Ministerio de Facenda, e imos contactar con eles para ver as vantaxes que podería ter isto, sen modificar a propiedade. Porque o ministerio as subhasta ao cabo de equis anos, se non hai ninguén que as reclame. Deste xeito, mesmo ingresaría impostos que agora non está a percibir. O que a xente debe ter claro é que será a Xunta a que garanta que esa parcela se lle vai devolver polo menos nunhas condicións iguais de boas, e nunca se lle vai tocar a propiedade.
-¿O grupo lácteo galego está hoxe máis lonxe?
-Entendo que ten que partir do propio sector, porque cada vez que a Administración se mete a recuperar algo, moitas veces fracasa. Recordemos o que sucedeu con Leyma. A Xunta non está para liderar grupos lácteos. Creo que a opción [do grupo da Arzuana] está evolucionando favorablemente, está aberta a que se sumen as cooperativas que queiran, e teñen que pensar en termos económicos. Hoxe as regras de mercado son as que son e sería un disparate fomentar o do grupo lácteo dende a propia Administración, hai que facelo gradualmente.