O arquivo de María Mariño, tamén protagonista do Día das Letras, está entre os fondos do escritor
CULTURA
Outra das escritoras galegas vinculadas xeograficamente á zona do Courel é María Mariño, que foi a protagonista do Día das Letras Galegas do ano 2007 e mantivo unha amizade con Novoneyra. «Practicamente todo o arquivo de María Mariño está nos fondos de meu pai», explicaba onte o fillo do escritor. Inicialmente, os herdeiros de Novoneyra cederían uns mil libros para a nova fundación, «que sería unha biblioteca para a xente do Courel, para o seu ocio, pero tamén para os investigadores», explicaba o fillo do poeta, salientando que se trata «dun arquivo amplísimo».
Entre toda esa documentación do arquivo de Novoneyra atópanse non só textos do escritor e das súas obras, senón tamén de cando foi presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ocupaba cando faleceu en Compostela, en outubro de 1999.