Maiores e emigrantes voltarán a citarse na romaría de Barcia

Amelia Ferreiroa

DEZA

O Concello de Lalín fixou para o 18 de xullo a xuntanza anual para a que se poderán retirar as tarxetas dende o 22

10 jun 2009 . Actualizado a las 12:09 h.

A Romaría Interxeneracional de Homenaxe ás Persoas Maiores e Emigrantes do Concello de Lalín celebrarase o vindeiro 18 de xullo. O sitio escollido para o multitudinario encontro segue sendo a Carballeira de Barcia, que acollerá a décimo sétima edición.

O programa de actos da romaría deste ano non varía respecto a anos anteriores. Abrirase cunha misa de campaña, ás doce do mediodía, para seguidamente dar paso ao concerto que ofrecerá a Banda de Música de Vilatuxe; a partires das trece horas. Despois do concerto da formación bandística arrancará o xantar que rematará co homenaxe ao home e a muller de maís idade do termo municipal de Lalín e se galardoará tamén ao home e á muller que leven máis anos na emigración, e que sexan do Concello de Lalín. Sobre as 16.30 horas está previsto comece a verbena popular, que rematará ás 21 horas.

A Romaría Interxeneracional de Homenaxe ás Persoas Maiores e Emigrantes está dirixida fundamentalmente -como o seu nome indica- a vellos e emigrantes pero o concello lalinense pretende que sexa un encontro familiar e interxeneracional polo que está aberto a calquera persoa que queira acudir en calidade de acompañante. Para asistir é imprescindible estar en posesión da correspondente tarxeta que se poderá retirar dende o vindeiro 22 de xuño no Departamento Municipal de Servizos Sociais e no Centro Sociocomunitario de Lalín.

As persoas censadas en Lalín, que retiren as súas tarxetas entre o 22 de xuño e o 10 de xullo, pagarán 10 euros. Todas aquelas que o fagan despois, do 10 ao 18 de xullo, terán que desembolsar 20 euros que será o mesmo prezo que terán que pagar aqueles interesados en asistir á romaría e non estén censadas no municipio.

Por outra banda, o Concello de Lalín manterá tamén un servizo de autobuses -que percorrerán aquelas parroquias nas que se rexistren demandas- para recoller a aquelas persoas maiores e emigrantes que non dispoñan de vehículo propio para desprazarse ate a Carballeira de Barcia, e poder dese xeito disfrutar dunha xornada pensada e programada para eles. Segundo os datos de anteriores edicións, agárdase unha importante asistencia de lalinenses a unha xuntanza que xa é unha cita ineludible para moitos maiores do municipio lalinense.