«Nós con Tito -Díaz- temos un compromiso, e imos cumprir». O voceiro da Agrupación Deportiva Cortegada, José Gorgoso, quixo zanxar onte calquera atisbo de polémica a raíz das declaracións nas que o adestrador afirmaba levar arredor dun mes sen noticias do club. O ex vicepresidente e agora directivo da xestora da entidade desfíxose en eloxios ao preparador, ao que «lle estamos moi agradecidos».
Gorgoso salienta que «temos unha débeda moral con Tito Díaz» logo de conseguir que o pasado mes de decembro se quedase no club vilagarcián pese a recibir unha tentadora oferta para dirixir o banquiño do Breogán de Lugo da LEB Ouro e voltar así ao club da súa vida e ao baloncesto de elite masculino.
Unido a Díaz por unha amizade persoal, como el mesmo comenta, o voceiro da xestora explica que se a directiva non se puxo antes en contacto co adestrador para resolver as cuestións pendentes na relación entre ambas partes foi pola situación de inestabilidade que vive o Cortegada tras o anuncio da marcha do seu patrocinador principal, Extrugasa. Un bombazo que derivou, ademais, en que «ata este xoves debiamos agardar á asemblea para saber que querían os socios, e que a directiva se confirmase xa coma xestora. Queriamos agardar a que se despexara o futuro do club antes de falar de novo con Tito».
Sobre o futuro do técnico, Gorgoso quere deixar claro en todo caso que «nós non dixemos que rexeitabamos a Tito para a Liga Feminina 2, foi el quen me dixo que nesa categoría non ía adestrar. E tamén o fixo saber publicamente na prensa».
Así as cousas, o directivo da Agrupación Deportiva Cortegada deixa claro que «a nosa obriga é falar con Tito». E adianta que esa é unha das tarefas que a xestora se marca para a vindeira semana.