Xosé Ramón Rodríguez Polo publica en Xerais Ramón Piñeiro e a estratexia do galeguismo (1939-1982) .
-¿Que aportou Piñeiro ao galeguismo e á cultura galega?
-Aportou a intelixencia que permitiu ao galeguismo deixar de ser o compromiso duns poucos para se converter no sentir da sociedade. E isto o fixo posible convertendo a nosa cultura no punto de encontro de todos os galegos á marxe das súas convicións ideolóxicas.
-¿Que pensa de quen fala despectivamente do piñeirismo e da «mesa camilla»?
-Esta actitude de negación do labor dos galeguistas da posguerra garda directa relación co que ten acontecido nas recentes eleccións.
-¿Por que?
-No enfado da xente co bipartito un elemento moi importante foi o causado polo intento de politización da lingua e da identidade. A sociedade, claro está, reaccionou afirmando que ninguén máis que ela mesma era dono da súa galeguidade. Hai moitos políticos que precisan coñecer o labor de Piñeiro.
-Mesmo foi deputado autonómico no 81...
-Aquilo sucedeu nun contexto de incertidume respecto da evolución da autonomía. Hoxe todos os partidos teñen asumido o consenso que creou o galeguismo sobre a autonomía.