Teatro do Morcego cumpre 25 anos de existencia coa estrea dunha comedia do británico Steven Berkoff
CULTURA
Teatro do Morcego cumpre 25 anos de representacións e esta noite estrea en Narón a montaxe coa que quere celebrar ese percorrido escénico.
Para iniciar as celebracións do cuarto de século, a compañía dirixida por Celso Parada estrea esta noite Kvetch, que ten como primeira indicación ser unha comedia norteamericana sobre a angustia. Para dirixir esta montaxe de celebración a compañía sáese un tanto da súa liña habitual de funcionamento. En primeiro lugar escolle unha obra de un autor e actor inglés, coñecido pola súa participación en películas tan dispares como Barry Lyndon ou Rambo. No Reino Unido Berkoff ten nome tamén como autor teatral e a pesar de ter pasado dos sesenta aínda non perdeu a fama de ser un dos nenos terribles do teatro británico.
Na dirección, a compañía tamén ofrece novidades nesta montaxe: conta con Álvaro Lavín, cara habitual dos escenarios galegos por ser un dos actores fixos de Teatro Meridional, compañía na que tamén dirixe. O actor debuta nesta montaxe como director dunha compañía galega.
A obra escollida quere ser unha comedia sobre a angustia norteamericana que Berkoff escribiu a finais dos oitenta e que garda relación coa ansiedade de determinadas persoas por sentirse ameazadas polas máis variadas circunstancias, entre elas a ameaza da bomba que acompaña á historia norteamericana recente. O elenco para desenvolver esta obra está formado por Pedro Alonso, Mónica Caamaño, Dorotea Bárcena e António Reis, e tamén polo director da compañía Celso Parada.
Narón e Santiago
Despois da representación das dúas funcións de estrea en Narón, a compañía comezará a semana próxima as funcións no Salón Teatro de Compostela, ampliando a súa presenza neste espazo de maneira tamén inusual para as compañías que non son o Centro Dramático Galego. Teatro do Morcego permanecerá en Santiago ata o domingo 3 de maio, comezando o venres, 23 de abril. Deste xeito, Morcego ampliará considerablemente o número de días de permanencia nunha praza antes de comezar a súa xira por Galicia.
Mentres estrea a nova montaxe, a compañía do Morrazo manterá en cartel a obra que leva representado nos últimos meses, O club da calceta, que ten como punto de partida a novela de María Reimóndez. Nestes 25 anos Teatro do Morcego ten repasado todo tipo de dramaturxias, dende Darío Fó ata Manuel María.