Maneiras de contar

Camilo Franco

CULTURA

29 mar 2009 . Actualizado a las 03:00 h.

Nalgunhas familias o paso dos días estaba marcado por un calendario no que o importante non era o día da semana ou do mes senón o santo. Uns días era San Ramón e outros Santa Apolonia e, creo, era máis importante o rito que o santo. Non sei se é un proceso culturalmente lóxico que cambiemos as advocacións relixiosas polas causas laicas, pero sigamos mantendo o rito de invocar cada día unha causa que esquecer no día seguinte.

Lectura do capital. Con ou sen Google case todo o mundo sente atracción pola cartografía. O Consello da Cultura publica en rede unha aplicación para coñecer os recursos culturais de Galicia e o seu reparto territorial. O bonito, neste caso non está nos mapas, está nos recursos. O primeiro que sinala este mapa é que hai unha concentración de equipamentos na liña atlántica. É posible que non sobren. Pero mirando sobre o mapa hai unha clara superioridade da costa sobre o interior. Non é unha circunstancia novidosa para case ningún ámbito da vida galega, pero confirma, outra volta, unha realidade que moitas veces se ignora nos ámbitos cultos: a cultura segue procesos similares á economía. Parafraseando a Gustavo Pernas: depende do mercado aínda que non sexa mercancía. Porque os recursos están, como na economía, onde está a xente, non onde pode estar a cultura. É un proceso que desgusta por igual a utópicos e pragmáticos, pero imprescindible cando algo ten decidido pensar en como facer cultura con algo de xente.

Musealización e derrota. Hai outro dato ben chamativo nese mapa deitado sobre a fotografía de Google. En Galicia hai máis museos que salas de cine. Habería que coñecer ben a que lóxica corresponde esta situación porque a diferenza é abrumadora. Moitos museos e poucos cines. Incluso a lóxica do mercado contradí esta situación porque a xente segue indo máis ao cine do que lle acorda pasar por un museo por máis que as cifras de espectadores baixen: nos museos nunca subiron. Non parece lóxico pensar que entre as preferencias dos galegos estea ir creando museos como se fosen bares, pero é posible que a acción institucional dos últimos vinte anos favorecese esta circunstancia. É un síntoma que teriamos que ir atallando porque nunca foi o museo unha maneira de dar resposta ás necesidades culturais. No futuro, menos. Será por iso que hai galegos que se inquedan moito cando escoitan que os museos comezan a pertencer ao pasado.

Nin un paso atrás. Antes ou despois de Semana Santa imos ter que declarar o día de nin un paso atrás. No teatro, na edición, na música, no cómic, non se escoita estes días outra cousa que a inquietude por que o cambio de Administración teña consecuencias. O que se escoita con unanimidade inédita nos sectores culturais galegos é: sería bo se mantivesen as liñas que se abriron nestes anos e que o traballo feito non se botase a perder. Esperemos que non sexa tarde para piar e que o sector saiba manexarse coa firmeza necesaria para darse a valer. Porque de non ser así un ano destes alguén instaurará o Día da Cultura Galega en Xeral, declararao festivo entre bandas de gaitas e sopa de letras e, entre xogos florais, declarará inaugurado este pantano.

Follas de santoral. Non mirei aínda que efeméride laica é hoxe e hai algunha xente que non se preocupa disto ata que toca a do seu sector ou o 17 de maio. Hai xente e medios de comunicación que aceptan as celebracións como un mal menor. Pero se aceptamos que é menor aceptamos que está mal e, xa que logo, deberíamos ir cambiando de carril por ver de encontrar o correcto e facer as cousas cando é necesario e a cotío e non cando toca no santoral. Sexa teatro, sexa lírica ou sexa a paz bendita. Outro asunto que temos pendente de resolver. Son tantos que igual esperamos ao día dos asuntos pendentes para poñernos.