Os números das letras

Camilo Franco

CULTURA

Acusamos aos números de falta de emoción. Pero agora están tomando unha dimensión dramática da lírica. Comeza a sucederlles como ás metáforas: bailan diante de nós sen explicarnos de todo que queren dicir. Sabemos que son importantes, pero pese a ser números nunca sabemos con exactitude por que.

Hai días que parece que a exactitude é outro azar. Quen estudou por letras ten confianza cega en que os números sexan materia exacta. Ou sexa, que non sexan opinables. Os datos do último Mapa Sociolingüístico de Galicia non son bos para o futuro de Galicia. Utilizo a palabra futuro como un eufemismo, porque o que din os datos é que o uso do galego decae como a tensión dos partidos de fútbol xa resoltos. Vai a menos en case todos os sectores e non creo que asegurar isto teña que levar aparellado un posicionamento político. O que non se entende é que ante a claridade e contundencia dos datos haxa quen aproveite o relativismo postelectoral para deixar caer que o galego saíu derrotado das eleccións. Non hai xente para tantas camas. A pesar de que o número de falantes descende pola pirámide social, o número de exemplares editados no 2008 en Galicia medrou ata o punto de non saber moi ben onde están eses libros. Se hai menos falantes, haberá menos lectores. Pero se engadimos a variante de que houbo máis libros quere dicir que quen le incrementou o seu ritmo de ocupación como nunha folga xaponesa. Dúas cousas poderían quedar claras: que haxa máis libros non garante o futuro da lingua e que haxa máis lectores só en parte é síntoma de que hai máis falantes.

Teño unha dúbida prepiñeirista. Non sei se é mellor poñer un pouco de lírica en cada cousa das que se fai ou é mellor constituír a poesía como xénero e marcar definitivamente o seu territorio. Era cuestión de facer unha asemblea. Velaí a pregunta. A outra pregunta que me rodea con respecto da poesía e Galicia é se teriamos que interpretar a tradicional, constante e confirmada polos números, inclinación dos galegos pola poesía como un síntoma doutra cousa. Porque cando dicimos ou din de nós que temos querenza pola poesía, ¿que queren dicir? ¿Que somos capaces de rimar, pero non de remar? ¿Que entendemos mellor as cousas que non son deste mundo? Quizais queren que nos dediquemos á lírica e deixemos que eles repartan as axudas para combater á crise. Igual é xeito de quitarnos de diante, de pasarnos á terceira liña da importancia. De poñernos nun lugar para que pareza que é o noso.