Correr con Murakami

Camilo Franco

CULTURA

O paradoxo foi que Vicente Molina Foix quería falar, pero non lle deixaron, e Murakami non quería falar e non deixaban de esperar que falase.

16 mar 2009 . Actualizado a las 11:42 h.

Sempre pensei que había unha relación directa entre actitude vital e obra no caso dos escritores. Que aos escritores metódicos lles sairía unha obra metódica e a aqueles autores de costumes teríalles que saír unha obra previsible. Era unha teoría e teño moitas máis, pero chegou Murakami e confirmoumo.

Escoitando o silencio. Non creo que o silencio sexa folclore xaponés. Escoitando o que Murakami non dixo calquera dos seus lectores poderían comprender que un escritor é unha cousa e o que os seus lectores queren del é outra diferente. Os lectores galegos deste metódico e concentrado escritor xaponés que practica a maratón non esperaban grandes cousas del e, polo tanto, non quedaron defraudados pola parquedade das súas palabras e pola falta de argumentos nas mesmas. Fixo unha visita xaponesa: foto aquí, foto alí e a correr. O paradoxo foi que Vicente Molina Foix quería falar, pero non lle deixaron, e Murakami non quería falar e non deixaban de esperar que falase. Deberiamos ser máis esixentes cos autores. Deberiamos ser máis esixentes.

Ruído e calma. Onde non hai silencio é nos arredores políticos da cultura. O resultado electoral terá os seus inevitables cambios na Administración nun sector que, causa por causa, nunca consegue distanciarse da esfera política. Estes días son de quinielas e porras e a máis repetida asegura que Cultura desaparecerá como consellería en nome da austeridade e, quizais, das escasas simpatías que o Partido Popular esperta nunha meirande parte dos axentes culturais. Que vaia ser así verase pronto, pero o curioso é que estas decisións case sempre son aplaudidas desde os extremos contrarios do arco político e case nunca desde o seus espazos máis amplos. Esa coincidencia política contra natura quizais debería levarnos a pensar que a decisión é equivocada.

?Todo o mundo ten présa. Mentres o mundo político galego debate sobre prestacións automobilísticas e o resto debate sobre o País Vasco, esta fin de semana se alguén repara nas carteleiras dos cines de Galicia verá que hai unha película galega. Imos ver se é verdade o que reza a propaganda de Os mortos van á présa e resulta que os galegos somos como os percebes: duros por fóra e brandos por dentro. A cuestión será ver se os espectadores galegos son capaces de cambiar un par de horas de dispersión polas promesas da comedia. Imos ver se Manquiña ten a lingua tan solta dentro como fóra da pantalla e tamén queda por saber se o esforzo que tanto se valora na cultura occidental ten repercusión directa na taquilla. Pero sería moi, moi bonito que a xente falase mal da película se lle peta e dixese que sempre saímos igual de mal retratados os galegos. Sería bonito sempre que falasen despois de ter pasado por taquilla, como fan co resto do cine que miran.

Nin manías, nin ritos. Evito os costumes, todos os ritos. Fun rapaz educado na cidade pero cos xeitos da aldea: escollo o calzado vello e a camiseta máis gastada. Só é para correr. Ato os cordóns con coidado e con forza porque non quero ter que parar por nada se xa escollín unha ruta sen semáforos. Lin a Murakami como un autor de autoaxuda e estou mentalizado para a concentración e o esforzo. Tamén da distancia. Porque o mundo valora moito a distancia: a máis distancia máis valor. Saio e o día acompaña, pero cando levo un treito percorrido penso no paralelismo do escritor xaponés entre maratón e novela. Logo só me dá por pensar no que levo e no que me falta. Cando remato estou exaltado para mal e doume conta de que algo falla. Que os esforzos inútiles están sobrevalorados en Occidente e que alongar a distancia acurta moito a profundidade do resultado. Refírome ás novelas. Quizais, comezando por Murakami, sería mellor acurtar as novelas para facelas mellores. Correr menos para saber onde imos.