«Noite de Reis» e «As últimas lúas», favoritas aos María Casares

Camilo Franco

CULTURA

A compañía Lagarta, Lagarta é a única que lle fai fronte ao teatro institucional nos galardóns

10 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A diferenza dos últimos anos, o Centro Dramático Galego será un dos protagonistas da noite dos María Casares. O teatro institucional galego conta con quince nominacións por dúas das súas máis recentes producións. Só a compañía Lagarta, Lagarta faille fronte ao CDG con nove candidaturas.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia anunciará esta tarde quen son os nominados dos Premios María Casares. Será no CGAC e a festa servirá como prólogo á cerimonia de entrega que terá lugar o vindeiro 27 de marzo no Teatro Rosalía de Castro, na Coruña.

Nesta festa dos nominados, o colectivo organizador dos premios da profesión teatral galega anunciará cada un dos tres nominados nas trece categorías nas que se dividen os galardóns e que comprenden a parte principal dos oficios teatrais.

No reparto deste ano hai dúas obras que toman protagonismo entre os nominados. As últimas lúas, da compañía Lagarta, Lagarta, e Noite de Reis, do Centro Dramático Galego, empatan a candidaturas con nove cada unha delas, estando representadas nas principais categorías como mellor obra, mellor dirección ou nas que premian a actores ou actrices. Que o CDG sexa un dos aspirantes a dominar os Premios María Casares é unha novidade sobre edicións anteriores, pero aínda é máis se a terceira obra en número de candidaturas foi tamén producida polo teatro institucional en Galicia. A piragua , escrita e dirixida, por Cándido Pazó, conta con sete nominacións para os premios, polo que o CDG aspira a recoller a xerra coa cara de María Casares nun total de quince ocasións. Nunha boa parte destas candidaturas, as dúas montaxes do CDG compiten entre elas.

Noite de Reis é a adaptación que fixo Quico Cadaval da obra de Shakespeare, mentres que A piragua foi o resultado da primeira residencia dun dramaturgo galego no CDG. No caso de As últimas lúas, a compañía de Ernesto Chao e Rosa Álvarez escolleu un texto de Furio Bordon que ten como protagonista a un home maior que está a punto de pasar á reserva nunha residencia para a terceira idade. A obra está dirixida por Xulio Lago.

As tres montaxes distinguidas nas nominacións acaparan as categorías principais para os actores e actrices protagonistas, para mellor dirección e mellor espectáculo. Despois destas tres producións, a seguinte en posibilidades é Emigrados, de Teatro de Ningures, que ten catro nominacións, e O burgués fidalgo, de Teatro do Morcego, con tres. Cándido Pazó ten catro nominacións, dúas delas por A piragua, autor e director, e a terceira é pola mellor adaptación como responsable da versión de As últimas lúas. A cuarta nominación é pola autoría da súa parte de Emigrados, que conta con outros catro autores e foi premiada nos Max. A actriz Susana Dans está nominada en dúas categorías. Como mellor secundaria polo seu papel en Noite de Reis e como principal polo seu traballo en A piragua, nos dous casos para o CDG.