NON FALTOU quen dixera que no espallamento e recoñecemento desta canción, sempre desprotexida nos medios oficiais, tense obrado un milagre. Pero os que non cremos nos feitos irracionais, tentamos sempre explicacións máis humanas, onde os sentimentos desempeñan un papel esencial. E os mesmos sentimentos que levaron esta canción polo mundo, mesmo mar adentro, foron os mesmos que atoparon a súa mellor expresión cultural na literatura e na música, artes públicas que contaban coa poderosa herdanza creadora do pobo, a lingua e a canción popular. Se a esta herdanza engadimos a relixión xa temos todos os elementos que nos poden deitar unha explicación razoada do fenómeno da Rianxeira, que naceu, non o esquezamos, con vocación hímnica.
E todo comezou no século XVIII, época milagreira por excelencia, cando un monxe da orde de San Xerome, natural de Rianxo, escoita a voz da Virxe, na tradición das mellores lendas marianas, que o anima a levar a mensaxe divina á súa vila natal. Dende 1873, data da xa lendaria chegada do monxe, non deixaron de espallarse os feitos extraordinarios que por intermediación da devoción que espertou a imaxe, modelada en cartón pedra, se sucederon na vila. Asentado o sentimento relixioso arredor da imaxe, xurdiu de contado a canción, froito do xoglarismo popular que acompañou xa o traslado da imaxe dende Rianxiño á actual ubicación no campo de Arriba.Cando se achega a burguesía culta e ilustrada de Santiago a Rianxo, xa estamos no século XX, baixo a denominación dos apelidos Baltar, axiña descobre o arraigo deste sentimento e encarga a Asorey, consagrado como escultor da Raza, unha monumental representación pétrea de case tres metros da Virxe de Guadalupe para presidencia das súas paradisíacas posesións en Tanxil e protección dos mariñeiros na ría. Cando se inaugura en 1932, catro despois de ter feito o encargo, o pobo de Rianxo, convocado polo alcalde D. Mariano, pai de Castelao, canta unhas estrofas rianxeiras que lle son facilitadas en vistosas follas voandeiras. Estanse a xuntar, este ano de 1932, coa inauguración en Tanxil da obra de Asorey, os sentimentos marianos, un curruncho idílico do mar da Arousa e a maxia granítica de Asorey.
Faltaba para darlle forma definitiva á canción o sentimento da ausencia, provocado polos centos de rianxeiros e milleiros de galegos que emigraron a América, especialmente despois dos anos da peste (1917). E a ausencia encarnouse en Anxo Romero Lojo, rianxeiro emigrado nos anos vinte, e en Xesús Frieiro Dourado, nacido, fillo de emigrantes, en Bos Aires, en 1915. Este último, autor da letra actual na década dos corenta, alcumado Pinciñas, sentiu a nostalxia e a ausencia por vía patriótica e cultural. Foi durante 23 anos empregado do Centro Galego e estivo sempre embarcado no complexo mundo societario. A canción denominada orixinariamente Ondiñas da nosa ría, interpretada polo coro e rondalla Castelao da Sociedade de Parroquias Unidas do Axuntamento de Rianxo en Bos Aires, quería agasallar ao seu mentor e guieiro ao seu regreso de París. Gravouse o disco na prestixiosa RCA Víctor no ano 1948. Sen este pulo migratorio e saudoso acabaría sendo unha canción popular de ribeira, local, como tantas outras que se cantaban na vila. Pero a emigración levou A rianxeira mar adentro, onde non hai máis que horizontes e inmensidade, a onde nos levou a poética de Manuel Antonio. E aquí, neste intre aparece Galicia e a vocación hímnica dunha canción. O sentimento popular de país foi o milagre.
*Xosé Luis Axeitos (Asados-Rianxo) é arquiveiro da Real Academia Galega