Unha historia de buscas, concursos, propostas, alternativas e fixación definitiva na capital cubana

La Voz

CULTURA

04 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A historia do himno de Galicia é como a das grandes cancións populares: hai datas para todos, idas e vidas, gravacións iniciáticas, cambios de letra, iniciativas populares e canonización institucional. Case todo cun océano de por medio.

A data institucional fixouse para o 20 de decembro de 1907, pero segundo o investigador Manuel Ferreiro, o maior especialista na obra de Pondal, tanto a letra como a música tería unha data moi anterior, o ano 1890.

O biógrafo de Pondal, Fernando López Acuña, asegura con documentos que o Orfeón do Centro Gallego de Madrid «interpretaba esta peza con regularidade desde o 1892», ano no que Pascual Veiga se traslada a Madrid. Para pechar a cuestión Ferreiro asegura que «o que se pode conmemorar agora é a primeira «interpretación oficial». Neste sentido, o investigador entende que «o Centro Galego de La Habana é o que condiciona o futuro porque en Galicia a peza Os Pinos era só unha das propostas».

Porque ata a canonización cubana había en Galicia propostas variadas para contar cunha canción representativa. Existía un Himno galego composto por Felipe Paz Carvajal, con letra de Andrés Muruais, e tamén se contaba o Hino popular rexional de Varela Silvari e Galo Salinas. Ademais Luis Taibo arranxou un texto de Alfredo Brañas para os mesteres representativos.

Pola súa banda, Pascual Veiga, finalmente o autor da música do himno, pasou unha parte dos últimos anos do século XIX buscando unha música que representase a Galicia. De feito, convocou un concurso para encontrar unha peza e, entre os premios da convocatoria, estaba o galardón á mellor marcha composta sobre o poema de Pondal.

Poucos anos despois intervén Xosé Fontenla Leal. É este galeguista quen, desde Cuba, organiza unha homenaxe a Pascual Veiga e un concerto no que, para despedida, escóllese a composición do músico sobre o poema de Pondal. A interpretación nese marco converte de facto á peza no himno e deste entón foi tomado como tal.

A pesar das diferenzas entre a letra orixinal e a que se interpretaba, o Consello da Cultura Galega sinalou os problemas de cambiar a letra e quedou fixada a actual, que se considerou como a «popularmente aceptada e xa coñecida polos cidadáns de Galicia».