Cousas das casas por Castelao

Camilo Franco

CULTURA

30 jul 2007 . Actualizado a las 15:26 h.

A realidade demostra que os galegos temos unha paixón desacostumada polas casas: por compralas, por vendelas, por amañalas. E se están no litoral, máis paixón.

Casa simbólica. Descoñezo cal é o estado en que se encontra a casa de George Washington en Delaware ou calquera lugar parecido da branquísima Norteamérica. Pero podemos estar case seguros de que a casa familiar dese home que fundou unha nación e que botou a súa cara a andar entre os billetes máis importantes do mundo non é obxecto de disputa tranquila. Temos unha tendencia pouco razoable a levalo todo ao plano simbólico. A casa de Castelao ten o valor que queiramos darlle, pero ben relativo se o comparamos coa obra deste home que ben puido ter chegado a ser o primeiro presidente dunha Galicia rescatada.

Sen Carpas. O día que un pallaso galego chegue a trunfar o suficiente como para que alguén queira conservar a súa casa natal, descubriremos que naceu nunha carpa e teremos un problema. Porque as carpas non están moi ben vistas en segundo qué círculos políticos e porque os pallasos van cada vez menos a traballar baixo as carpas. O Festiclown é a demostración de que baixo as carpas dos vellos circo só vai quedando o serrín que sobra despois de cortar a madeira dos incendios.