«As autonómicas son un aviso de que temos que traballar máis»

A CORUÑA

O concelleiro nacionalista desbota que haxa crise algunha no goberno local e nega que as aparicións conxuntas de PSOE e BNG «sexan unha nova estratexia»

22 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O voceiro municipal do BNG, Henrique Tello León (Corcubión, 1951), multiplica estes días as súas aparicións. Ao seu traballo como concelleiro de Promoción Económica e Turismo hai que sumar a dirección da formación nacionalista a nivel local e tamén o seu papel na renovación ou refundación que o Bloque emprendeu tras os resultados das pasadas eleccións. Os comicios provocaron a dimisión do Consello Nacional, o cambio de Goberno e un profundo debate sobre a idoneidade ou non dos pactos de goberno nas grandes cidades. «O que se votou foi o novo Goberno galego e penso que é un erro extrapolar eses resultados en clave local», afirma.

-Pero sectores do PSOE e incluso do BNG reclaman a ruptura dos acordos.

-Creo que esta situación está provocada polo interese do PP de xerar inestabilidade a rebufo dunha vitoria electoral. Atacar o funcionamento das coalicións é aplanar o camiño para que gañe o PP e por iso poñen en práctica unha táctica desestabilizadora para desprestixiar aos gobernos que non pasan por unha situación de inestabilidade. Cada elección é distinta e os tempos son distintos, como se pode comprobar na historia da Coruña, onde nas municipais se daba un resultado distinto a todas as demais citas.

-¿Hai crise ou non?

-Eu desboto categoricamente que haxa crise. Temos moitos proxectos importantes por diante e non é un tópico para saír do paso. Está o novo PXOM, o pacto local polo emprego que asinaremos nos vindeiros días con todos os axentes sociais, a aplicación dos FEIL... Mire, eu pódolle dicir que o acordo de goberno na Coruña non se puxo en cuestión por ningunha das dúas organizacións. O alcalde e eu tivemos unha serie de reunións para revisar a situación e planificar o futuro e en ningún momento se falou de inestabilidade.

-Os coruñeses deron once mil votos menos ao PSOE e oito mil ao BNG.

-É errado facer esa análise, porque o 1 de marzo se votou en clave galega. No noso caso, ademais, hai que comentar que houbo unha baixada xeneralizada en toda Galicia.

-¿Non ve un castigo?

-Eu intúo unha advertencia social, un aviso de que temos que traballar máis. Mire, despois dunhas eleccións, pódese buscar culpables ou escoitar á sociedade e eu prefiro o segundo. O electorado o que nos dixo é que nos retirou parte do seu apoio e agora temos que traballar máis para recuperar a súa confianza.

-¿Por iso cambiaron a estratexia e agora aparecen máis veces xuntos PSOE e BNG?

-Temos aparecido moitas veces xuntos, o que pasa e que non transcendía como agora. O alcalde asiste aos grandes actos en conxunto con todos os seus concelleiros e está sempre convidado a todo. O espírito do pacto daba liberdade para xestionar, pero sempre falando os grandes temas. É certo que somos dous partidos diferentes, con programas diferentes, pero sempre fun un gran defensor dos gobernos de coalición e levar adiante un acordo deste tipo non supón impoñer nada ao cen por cen. O certo que nestes case dous anos non se paralizou nada e iso é o que o PP non soporta. Aí están as probas, de que pese a que nos machacan co bipartito e o desgoberno, sacamos adiante as obras do FEIL antes que ninguén.

-¿Que foi o mellor e o peor destes dous anos?

-Non se me adiante, que aínda quedan dous meses para cumprir dous anos e iso é moito tempo. ¿O mellor? Poder axudar a solucionar os problemas da xente, a posta en marcha do pacto polo emprego e a construción do centro municipal de empresas. O peor é non poder solucionar todo o que che piden e a lentitude da administración.