Gañar ou gañar. O de hoxe en León é para o Atlético Arousana un deses partidos puntuais nos que se decidirá unha parte importante do seu destino final na Liga. Nunha tempada de transición, o conxunto vilagarcián xógase hoxe ás 12 horas a tranquilidade na súa loita por encauzar a permanencia na Primeira División Nacional do fútbol feminino.
Non en van, o León é un dos máis firmes candidatos a ocupar unha das tres derradeiras prazas ao final da Liga. Decimoterceiro e penúltimo clasificado con 12 puntos, atópase tan só 4 por debaixo do cadro de Moncho Díaz, décimo.
O Atlético Arousana debe aproveitar o seu gran estado de forma, que lle permitíu saldar os seus catro últimos compromisos ligueiros cun sobresaínte balance de tres trunfos e un empate. Pola contra, o León chega ao transcendental duelo desta mañá cun único punto sumado dos últimos doce en xogo.
A endeblez defensiva do cadro local, que nas catorce primeiras xornadas de Liga acumula a frioleira de 3,5 goles encaixados de media por partido, debe ser o punto feble que explote o Atlético Arousana. Marcar o primeiro tanto axudaría a dobregar a un León habituado ás goleadas.