«Historias tricolores» é o título desta nova proposta do ciclo de monologuistas.
09 mar 2010 . Actualizado a las 15:52 h.Primeiro foi Carlos Blanco, a semana pasada foi Miguel Lago e esta semana chegará ao auditorio a terceira proposta do ciclo de monólogos que preparou a concellería de Cultura de Vilagarcía. Nesta ocasión será outro dos grandes, Cándido Pazó, quen se enfronte en solitario ao patio de butacas do auditorio vilagarcián.
O dramaturgo, actor e director presentará o seu monólogo Historias tricolores. Ou de cómo aqueles animaliños proclamaron a república . Onte, Pazó achegouse ao auditorio para presentar esta proposta escénica, que definiu do seguinte xeito: «Aí abaixo hai un monumento -referíndose á escultura Rosas Rotas , de Manolo Chazo- no que vin que hai unha lista inmensa de nomes que entendo que son os represaliados de Vilagarcía. O meu espectáculo vai diso, de lembrar a xente moi normal que viviu aqueles tempos atribulados». A temática xorde de dous vellos que lle contaron a súa historia hai anos «e aos que eu agora lles conto unha historia».
Un tema, polo tanto, tráxico, tratado con sensibilidade pero tamén con humor. «É un pouco o meu estilo de traballar, porque creo que a vida é un pouco iso. Estamos a rir e estamos a chorar», explica Pazó. O autor cre nesta fórmula porque «habendo humanidade sempre vai haber humor». No fondo, engade, é «coma os nenos cando se lles fai comer verdura pero dun xeito divertido». Así é como trata os temas serios, dándolles un toque de humor para que non se lle indixesten ao espectador.
Pazó cre que o seu monólogo, sen ser mellor ou peor có resto, vaille dar variedade ao ciclo que programa o auditorio. «Nin mellor nin peor, pero distinto» é a proposta deste autor.
Un espectáculo, ademais, que quere situarse a metade de camiño entre o monólogo tradicional, unha «narración escénica para teatro», e a nova concepción deste xénero, como un relato cómico.
A actuación será, polo tanto, o venres ás nove da noite. O prezo das entradas é de catro euros na zona A, tres euros na zona B e dous euros na zona C. «Un espectáculo plantexado para que o público teña a máxima facilidade para entrar», comentaba onte o concelleiro de cultura Xosé Castro Ratón.
Así que quen queira acabar a semana cun sorriso ten unha cita con Cándido Pazó, que promete poñer todo o seu talento sobre o escenario «para que a xente o pase ben».