O Camiño de Santiago desde a mirada de Carlos Blanco

AROUSA

O actor arousán presenta este venres no auditorio a súa obra «Só», coa que se abre un ciclo de monologuistas.

23 feb 2010 . Actualizado a las 22:24 h.

«Fixen o Camiño porque quería ver o que era. Atopas moito lixo, moitas latas de refrescos, non hai sitio nos albergues, as capelas están pechadas, pero tamén hai carballeiras preciosas». Todo isto configura o fío condutor do último espectáculo de Carlos Blanco, que este venres se presenta no auditorio.

Con esta actuación, Vilagarcía inicia un ciclo de monólogos que achegará, nos próximos meses, a catro contacontos ao auditorio. , que así se titula a obra do actor vilagarcián, comezará ás nove da noite e poderase ver por un prezo moderado: oito euros na zona A, sete para os espectadores da zona B, e cinco para quen a vexa desde a zona C. Quen queira adquirir as entradas por adiantado pode facelo xa na páxina web de Caixanova ou no número de teléfono 902 504 500. Ese mesmo día poderanse comprar na billeteira do auditorio desde as sete da tarde.

Esta peza chega a Vilagarcía despois de vinte funcións e 6.000 espectadores, unha cifra da que Blanco está moi satisfeito porque son «todos eles de pago» e porque a obra «está producindo beneficios alí onde se representa». De feito, o actor achegouse onte á capital arousá para presentar este espectáculo despois dunha fin de semana con tres funcións seguidas que resultaron tres cheos.

Carlos Blanco pregúntase a si mesmo se non é difícil estar só nun escenario, e a resposta é que non, sobre todo porque «non estás só, tes diante de ti 400-500 ou 800 espectadores».

Séguese preguntando: «¿Recomendarías facer o Camiño?». E contesta: «Si, pero tendo en conta que sempre haberá alemáns que irán máis rápido ca vos e que collerán as prazas dos albergues».

O espectáculo xorde en plena celebración do Ano Xacobeo, tomando o Camiño de Santiago como desculpa para o seu humor.

Carlos Blanco presentou este en compañía do concelleiro de Cultura, Xosé Castro Ratón, quen invitou ao público a pasar un bo anaco con esta función.

Será a primeira dun ciclo que achegará nas próximas semanas no auditorio a Miguel Lago (5 de marzo), Cándido Pazó (12 de marzo) e Luis Piedrahita (21 de marzo).