Ao dar a coñecer a decisión do plenario da Academia, o presidente da institución, Xosé Luís Méndez Ferrín, asegurou que Lois Pereiro «é unha figura ben coñecida en toda Galicia, amigo de varios dos presentes, admirado pola maioría e que representa unha liña de intensidade vital e de orixinalidade, de formas contemporáneas». Por todo isto, apuntou Ferrín que é unha figura que representa «algo semellante ao que Manuel Antonio representou nos anos vinte do século pasado», comparación exposta polos académicos que defenderon a súa candidatura.
Para Méndez Ferrín, «a temática, a súa forma, a súa maneira de producirse vitalmente no mundo, pareceunos que ía suscitar moito interese; seguro que toda Galicia vai pensar moito en Lois Pereiro e no seu tempo, que en parte tamén é o noso». Rivas cualificou de «moi valente» a decisión da Academia e Ferrín indicou que, como é habitual, a Xunta fará do 2011 o ano de Lois Pereiro.