Ramón Nicolás gaña os premios da AELG de ensaio e blog

rodri garcía A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

O crítico Ramón Nicolas.
O crítico Ramón Nicolas.

«Morgana en Esmelle», de Begoña Caamaño, mellor obra narrativa

05 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou onte no centro Ágora da Coruña a súa Gala das Letras, na que entregou os premios anuais ás mellores obras literarias publicadas durante os últimos doce meses. Os títulos gañadores foron elixidos polos 420 socios da entidade.

Na cerimonia, que contou coas actuacións musicais de César Morán e Uxía Senlle, recibiu o premio á mellor obra narrativa do ano pasado Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño.

Foi elixido como mellor blog literario Caderno da crítica, do colaborador de La Voz de Galicia Ramón Nicolás, quen tamén se proclamou vencedor na categoría de ensaio por Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro.

En poesía, o galardón foi ex aequo para Os ángulos da brasa, de Manuel Álvarez Torneiro, e Boca da cobra, de Francisco Salinas Portugal, mentres que como mellor obra de literatura infanto-xuvenil foi escollida Eu, pel, de Teresa González Costa.

No ámbito do xornalismo cultural foi premiada Ana Romaní e no de tradución, Darío Xohán Cabana por Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Petrarca. Banqueiros, de Edicións Laiovento, foi distinguido no apartado de teatro.

Baixo o epígrafe de Mestres e Mestras da Memoria, onte concedeuse por primeira vez esta distinción, que foi para Manuela Cortizo Medal e Ángel Rivas Veiga «por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral dos saberes e valores da nosa cultura popular tradicional», argumentaron.

A distinción Bos e Xenerosos foi para os humoristas gráficos Siro López Lorenzo, Xaquín Marín, Pepe Carreiro, O Carrabouxo e Gogue, mentres que Lídia Jorge recibía a súa distinción de Escritora Galega Universal.

Tamén foron recoñecidos, no apartado dedicado ás institucións, «aquelas asociacións que, nacidas nas décadas dos anos sesenta e setenta, aínda manteñen a súa vitalidade e activismo cultural».

«Morgana en Esmelle», de B. Caamaño.

Ex aequo para «Os ángulos da brasa», de Manuel Álvarez Torneiro, e «Boca da cobra», de Francisco Salinas Portugal.

«Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro», de Ramón Nicolás.

«Caderno da crítica», de Ramón Nicolás.