Nel Vidal: «Quen lle dera a moitos políticos falar galego a metade de ben ca un carballés»

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JOSE MANUEL CASAL

Augura un longo futuro ao curso de verán Traballando en Lingua porque «queda moitísimo que facer»

23 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Nel Vidal Barral (Ribeira, 1980) cre que todo o mundo ten dereito a aprender galego, e por iso dende o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Carballo ten promovido cursos para inmigrantes, para colectivos empresariais concretos ou para que os galegofalantes poidan seguir escalando niveis do Celga. Pero tamén está firmemente convencido de que é preciso seguir traballando en lingua, e por iso dende a presidencia da CTNL (Coordinadora de Traballadores de Normalización Lingüística) colabora coa Universidade da Coruña na organización dun curso de verán que dende hai seis anos ten a súa sede en Carballo.

-Nesta edición expuxéronse unha chea de ideas para promover a participación social no proceso de normalización do galego. ¿E agora como se traslada todo iso á práctica?

-A normalización lingüística, como calquera proceso social, ten que ser asumido pola cidadanía. É a cidadanía a que ten que normalizar a lingua, non son as Administracións, que teñen que cumprir un papel, por responsabilidade social e por obriga legal tamén, de impulsar ese proceso, pero para normalizar a lingua quen ten que falar galego é a xente, quen ten que escribir en galego é a xente, quen ten que ensinarllo aos fillos é a xente... Un pouco na orixe do curso está iso, ser quen de facer partícipe á cidadanía do proceso e ser quen de implicar á cidadanía para que se corresponsabilice dese proceso. Entón, miramos experiencias do ámbito da empresa, da arquitectura... de diferentes ámbitos, coa idea de aplicalas á lingua.

-¿En que axudaron os cursos celebrados ata agora á hora de planificar o traballo dos servizos de normalización?

-Sempre van axudando e sempre van configurando a nosa maneira de traballar. Como proceso social que é evoluciona moi rapidamente, igual que a sociedade, e a cuestión é que nos temos que ir adaptando a esa maneira de evolucionar. Posiblemente as dinámicas de traballo cambiaron máis do que pensamos que cambiaron, pero si que compartindo experiencias, si que vendo outras maneiras de traballar, as cousas que se van aprendendo no curso aplícanse ao tipo de accións que se fan en cada concello, adaptándoas á realidade.

-¿Cal é a realidade de Carballo?

-Nalgúns concellos os obxectivos son totalmente distintos, as accións que se fan son para intentar gañar ámbitos de uso, intentar que o galego teña presenza alí onde non a ten. Aquí en Carballo parte do traballo tamén ten que ir por aí. Pero hai outro ámbito de traballo no que se intenta incidir, que é o mantemento, non gañar ámbitos de uso, senón, entre comiñas, que a xente se sinta orgullosa dese feito, que tamén é moi importante para que se manteña a lingua. A realidade non é todo o boa que nos gustaría que fose, pero é moi boa, entón hai que intentar facer ver que é boa e manter iso.

-Está claro que en Carballo falamos moito galego. ¿Pero falámolo ben?

-Si, si, si, claro. Os galegos somos os que mellor falamos galego do mundo, falámolo de marabilla. Ás veces hai ese prexuízo de pensar que non se fala ben, pero non é así, a xente fala galego de marabilla. A TVG fixo moito ben ao galego porque o levou a moitos ámbitos, pero tamén fixo moito mal, porque deu unha imaxe dun galego que non é o galego bo. O galego bo é o que fala un xoves a xente no mercado de Carballo, e a xente ten que ser consciente diso. Quen lle dera á metade dos xornalistas da TVG ou dos políticos do Parlamento de Galicia falar galego a metade de ben que calquera carballés.

-¿Daquela iso debe un motivo de orgullo para os carballeses?

-Si, si, está claro.