O retorno das cantinas

LEMOS

Unha tenda de Salcedo súmase á nova rede de comercio rural que impulsa a Xunta con subvencións

07 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Tiñan case de todo de todo e resultaban pouco menos que imprescindibles, pero co despoboamento rural e os novos hábitos de consumo parecían condenados á extinción. A dirección xeral de Comercio quere invertir a tendencia e trata de pór en marcha unha rede de comercio rural para frear o devalo das vellas cantinas e ultramarinos das aldeas, mellorar o seu servizo e aproveitar o que poidan gastar os turistas. Xa hai catro establecementos asociados e ao final deste ano serán vinte máis. Un deles está na Pobra do Brollón, concretamente na parroquia de Salcedo. É a cantina Pachile, que estes días está en pleno proceso de reformas e reabrirá en cuestión de semanas rebautizada como Cantina de Julia.

«Cambiámoslle o nome como homenaxe a miña avoa, que foi quen abríu o negocio e o rexentou máis de corenta anos», explica Paula Castro, a filla dos propietarios da cantina de Salcedo. Paula e a súa familia decidiron facer reformas no negocio despois de que o alcalde de A Pobra, José Luis Salcedo, lles falase do programa da rede de comercio rural.

O alcalde está contento de que unha tenda do seu concello vaia entrar nesta rede. Só lamenta que non se poidan sumar máis. «O único malo deste plan é que non chegase antes, porque a estas alturas o de Salcedo é o único negocio así que nos queda», explica.

A futura Cantina de Julia non precisaba obras de reforma, pero os seus propietarios decidiron facelas cando viron as condicións. «Ultimamente -conta Paula- víamos que Salcedo estaba decaendo, que baixaba a actividade, así que cando o alcalde nolo propuxo aceptamos». Teñen unha subvención a fondo perdido polo 70% de gasto que estén facendo para facer máis grande o comedor e cambiarlle por completo o aspecto á tenda-cantina, na que agora venderán tamén produtos locais e artesanía, ademáis dos artigos de consumo que xa tiñan antes. Comercio trata de artellar ademais un sistema común de suministradores para todas as tendas da rede.