«Hai rapaces que descoñecen a historia española»

C. Abelleira / M. Chiavegatto

CARBALLO

No seu libro «Xograres dun tempo novo» lembra as misións pedagóxicas da República, que comezaron na Costa da Morte

06 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Pepe Carballude (A Estrada, 1956) xa perdeu a conta de cantos libros ten publicados. Empezou a escribir «cando a literatura galega aínda non estaba de moda», e xa non puido parar. As súas obras van dirixidas a dous públicos fundamentais: o infantil e o xuvenil. Precisamente para maiores de 14 anos é o seu novo libro, Xograres dun tempo novo , «unha historia de amor fatal» que ten como telón de fondo as misións pedagóxicas que se levaron a cabo durante a segunda República.

-¿Que o motivou a escribir sobre as misións pedagóxicas?

-Eu son mestre de instituto, e encóntrome con rapaces de dezasete, dezaoito anos que descoñecen a historia española. Quería contarlles que houbo unha cousa que fixo a República que se chamaba misións pedagóxicas e que consistía en culturalizar os lugares máis atrasados. -¿Tamén a Costa da Morte? -Si. De feito, as misións didácticas arrancaron en Malpica. É, por tanto, un libro moi vencellado á Costa da Morte. -¿En que consistían esas misións didácticas? -Había un grupo de escritores, intelectuais e artistas que foron percorrendo diferentes lugares da Costa da Morte, e de toda España, entre os anos 1933 e 1935, facendo lecturas dramatizadas de obras de teatro, poesías, levaban reproducións de obras clásicas do Museo do Prado... En fin, tratábase de estender a cultura ás zonas máis atrasadas. -¿Tería sentido unha actividade deste tipo hoxe en día? -Tampouco estaría mal. Eu coñezo o caso de Neira Vilas, que está nunha aldea dende onde presta libros e fai concursos. El tenme contado que hai familias nas que todos os seus membros len o mesmo libro, dende o avó ata o neto máis pequeniño. -¿De que xeito se reflicte no libro todo o traballo pedagóxico daquela época? -Unha muller, Francisca Porta, que está recluída nunha residencia de maiores, lembra, ante o retrato do seu compañeiro, as súas andainas coas misións pedagóxicas. É unha historia de amor fatal, porque el acabaría sendo paseado e fusilado. -¿Como xurdiu a idea de que Beatriz García Trillo ilustrase a obra? -Propúxenllo eu, e ela documentouse moitísimo para facer o traballo: mirou fotografías da época e foi ata o sitio onde transcorre o libro. Por iso creo que quedou un traballo que conecta tan ben coa obra. -¿Comparte vostede a idea tan estendida de que aos nenos non lles gusta ler? -Paréceme que hai de todo, pero preocúpanme moito as lecturas obrigatorias, porque lles dan aos nenos unha idea equivocada do que é o pracer da lectura.