«O compromiso de colaboración no mercado de Carballo mantense»

CARBALLO

Considera que é preciso coidar as prazas de abastos para que gocen de boa saúde e está convencida de que poden funcionar como dinamizadoras do comercio local

03 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A gripe acompañou á directora xeral de Comercio e Consumo, Ana María Rúa Souto, durante a visita que fixo onte a Carballo. Co malestar que leva aparellada a doenza máis estendida nesta época do ano, a cara visible da campaña Comercio Galego Vivo, que veu inaugurar, abordou a situación actual do sector e referiuse aos plans do Concello para construír unha nova praza de abastos.

-Ao final non puido ser o proxecto de Mercasa, co que vostede tivo algo que ver.

-O mercado é unha competencia municipal, e eu suxerín Mercasa porque é unha empresa pública estatal, non por outro tipo de cuestións. Á marxe diso, o que si teño que dicir é que a consellería vai colaborar co Concello na medida da súa dispoñibilidade orzamentaria, e o compromiso inicialmente contraído pola propia consellería do Concello de Carballo para este asunto en concreto mantense. Entón, o que necesitamos agora é saber a cuantificación, como se vai reformular o proxecto... Pero que a consellería mantén o compromiso de colaboración é evidente. -¿O declive é un problema só de Carballo ou é xeneralizado dos mercados municipais? -Os mercados municipais gozan de boa saúde se se coidan. Dende a consellería actuamos coherentemente con esta premisa. Pero os mercados son de competencia municipal, e nós temos, por un lado, unha orde de axudas de colaboración cos concellos para a reforma da súa estrutura física, pero tamén abrimos a axuda para a reforma de tipo funcional, porque o importante moitas veces non son os edificios, senón o que hai dentro. E o que se bota de menos, en xeral, nos mercados municipais galegos é unha boa planificación da súa xestión, do seu márketing, etc... Mais aí teño que dicir que estamos avanzando. Tamén, e dada esta situación, dende a Consellería de Innovación e Industria abrimos unha liña de axudas para aquelas asociacións de praceiras, porque son case todas mulleres, que autoxestionen os mercados. -¿Como se materializan esas axudas na realidade? -Pois, por poñer un exemplo, hai un mes fun coa delegada da provincia de Pontevedra a visitar as prazas de abastos do Morrazo. Alí, conxuntamente coas asociacións dos mercados, levouse a cabo unha campaña de animación, de promoción das prazas, de tal maneira que xa se puxeron uniformes e xa hai un mínimo progreso, dáse unha imaxe moito máis actualizada, en consonancia co que o consumidor hoxe pide, e, sobre todo, unha imaxe corporativa das propias prazas. Eu creo que pouco a pouco imos progresando. -¿Son necesarios hoxe en día os mercados municipais? -Nós pensamos que os mercados municipais son unha especie de motor para o comercio local. Alí onde hai un bo mercado municipal, que ademais comercializa produtos autóctonos de calidade, e funcionan ben, créase ao redor un comercio de oferta complementaria, co cal revitaliza e dinamiza moito o que son os centros das vilas. De aí que a aposta da consellería sexa importante. De feito, entre os anos 2006 e 2007, a consellería contribuíu á reforma de 50 prazas de abastos de Galicia. Eu creo que é un dato significativo. Mais o que me interesa fundamentalmente non é so a reforma física, senón un bo plan de xestión, e aí hai que contar co elemento persoal das praceiras, que sexan conscientes desa necesidade.