A maior carreira pola lingua

BARBANZA

Uns 2.700 estudantes barbanceses reivindicaron onte de xeito lúdico na vila da Pobra o papel do idioma galego como un sinal de identidade

13 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A praza de Segundo Durán de A Pobra converteuse onte no centro da defensa da lingua galega. Os que reivindicaban o dereito á fala non eran políticos, senón rapaces. En concreto, 2.700 alumnos pertencentes a 25 centros educativos dos municipios de Arousa norte que se deron cita cun único obxectivo: apoiar o idioma como un sinal de identidade. Baixo o lema: En galego! Pásao , os coordinadores desta actividade conseguiron bater a marca de asistencia a un acto destas características, o segundo que se realiza na bisbarra.

O desfile do idioma comezou ben cedo. Así, as prazas do Cantón da Leña, Maura e Valle-Inclán deron a benvida aos rapaces, que posteriormente iniciaron a carreira en prol do galego -coñecida por todos como Correlingua- polo casco urbano pobrense, para rematar na citada praza Segundo Durán. O importante non era chegar o primeiro, porque esta olimpíada xa se gañou de antemán.

Cada centro educativo levaba a súa pancarta. Algunhas eran moi rechamantes, como a que portaba o colexio de Aguiño, cuxo lema estaba colocado nunha rede de pescadores. Pero todas tiñan algo en común: a defensa do galego como o patrimonio máis valioso que ten este pobo. «Nacín galego e falo galego»; «Xa o dixo o sabio: o galego é cultura»; «O galego é a nosa meta»; e «Correlingua, defende a túa lingua» son algúns dos textos que puideron lerse nos carteis.

A lectura

Os actos iniciáronse sobre as once da mañá coa lectura dun manifesto por parte de varios alumnos, no que se fixo fincapé na necesidade de que os centros educativos e a sociedade en xeral aposten pola lingua de Castelao. Unha vez rematada a lectura deron comezo as actuacións. Os primeiros en saír a escena foron o capitán Benito Souto e a grumeta Quilla que, a través dunha historia baseada nos aborixes neocelandeses, quixo facer un paralelismo entre a danza maorí que puxo de moda a selección de rugby de Nova Zelandia, chamada haka, e o galego, como emblemas culturais que no se deben perder.

Posteriormente, actuou o grupo teatral Fantoche Baj, que fixo unha representación na que un monstro dedícase a comer palabras en galego, neste caso foliada, e dous intrépidos aventureiros tratarán de recuperala. Por último, saíu a escena A Polo Ghit, facendo as delicias dos mozos barbanceses.

O éxito da convocatoria resumino o coordinador de normalización lingüística do colexio de Palmeira, Fernando Fafián. «É, sen dúbida, un dos actos máis importantes que se poden celebrar no que a defensa da lingua galega se refire», sinalou. E engadiu: «Pero este tipo de iniciativas culturais requiren de actividades complementarias que se deben desenvolver ao longo dun exercicio académico. No noso caso, levamos a cabo diversas festas, como as das cabazas, o samaín, o magosto, o Nadal, e o Día das Letras Galegas».

A iniciativa cultural Correlingua saíulle redonda á organización, porque ata a choiva lle dou un respiro, salvo un par de gotas que caeron a media maña.

Para que todo fora a pedir de boca e evitar desgustos de última hora, o acto contou coa presenza de catro axentes da Policía Local, outros tantos membros de Protección Civil, un operativo de seguridade formado por 16 profesores, e dúas ambulancias. Ademais, habilitouse un amplo espazo na zona portuaria pobrense para que os 37 autocares puidesen estacionar sen que iso supuxera un trastorno para os restantes condutores que acoden a diario ao casco urbano a facer as súas xestións ou a traballar.