O Centro Dramático Galego presenta en Vigo unha versión do texto de Wilde
08 ene 2011 . Actualizado a las 02:00 h.Con Salomé , Óscar Wilde afastouse das elegantes sátiras da sociedade victoriana. A obra foi recibida inicialmente con pouco entusiasmo e estivo prohibida en Inglaterra ata os anos trinta. Co tempo, e fiel ao seu carácter polémico e escandaloso, a peza converteuse nun mito da cultura underground , e foi tratada por artistas tan diversos como Nick Cave, Ken Russell, Smashing Pumpkins, Doric Wilson ou Pedro Almodóvar.
Con esta obra, o Centro Dramático Galego (CDG) inaugura o seu plan de produción propia esta temporada baixo a dirección de Carlos Santiago. A primeira montaxe da compañía pública baixo a xestión de Blanca Cendán chega hoxe (20.30 horas) ao Centro Cultural Novacaixagalicia. María Mera, Pepe Penabade, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos compoñen o elenco, seleccionado por primeira vez mediante audicións a 64 actores de entre as 215 solicitudes presentadas.
A obra consta dun só acto que se desenvolve nunha única escenografía: os xardíns do pazo presidencial onde se celebra o banquete organizado na honra de Herodes Antipas pola alta sociedade xudía. A acción segue sucedendo en Galilea pero nunha realidade contemporánea, máis próxima ao espectador. A nova proposta respecta integramente o texto orixinal, mantendo o simbolismo e o tono poético, pero eliminando os exotismos orientais e as interpretacións relixiosas. Afastándose do discurso dramático de Wilde, a montaxe de Carlos Santiago afonda na visión do poder e amosa outra interpretación do texto cunha lectura máis satírica e política.