«Santiago tardou en expandirse, en despegar, pero ten visión de futuro»

Concha Pino

SANTIAGO

Presidenta das Amas de Casa e de Euroconsumo, asegura que non seguiu na política municipal despois dunha lexislatura como edila do PP, «porque ninguén mo pediu»

14 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A actividade que desenvolve Aurora Lamas está directamente vinculada ao seu papel de ama de casa comprometida coa sociedade e coa súa evolución. Por iso é a presidenta da Asociación de Amas de Casa de Santiago dende hai preto de vinte anos, e tamén por iso buscou vías de maior implicación social a traveso da organización Euroconsumo.

Naceu nunha aldea do Carballiño pero considérase compostelá, porque cando a súa familia se veu para Santiago ela tiña dous aniños. Diso hai moito tempo, pero Aurora resérvase dicir cantos anos ten: «Cumprín este mes, pero por coquetería decidín que desde os 20 non cumpría máis, e vou seguir así mentres conserve a enerxía para desenvolver actividades». O pai era Policía Nacional, e viñeron de Murcia para Compostela. A primeira casa na que viviron está no Franco, cos mesmos balconciños de ferro e contraventás de madeira. Di que ten moi vivo o recordo de xogar e correr baixo os soportais de Correos. Anos despois trasladáronse á rúa da Raíña, «e deses anos os meus recordos están moi ligados aos xardíns da praza de Fonseca, nos que xogabamos». Os seus primeiros anos escolares foron na Casa de Deán.

A traxectoria vital de Aurora Lamas está marcada por un feito tan relevante coma o de deixar Compostela por Puerto Rico cando o seu marido, Baldomero Cores, se foi ao país centroamericano como catedrático de Dereito da Universidade de Puerto Rico, onde viviron quince anos. Nunca perderon o contacto con Santiago, «porque viñamos a miúdo polos meus pais e tamén para que os nenos non se desvincularan, porque América atrapa». Pero aínda así, Aurora asegura que o regreso foi duro, porque os tres fillos eran adolescentes e custoulles acomodarse ao sistema educativo de aquí, «pasárono mal, e nós tamén, porque foi un cambio moi grande no estilo de vida». A ela o que mais impacto ller produciu «era ver que todo estaba igual que cando nos fomos, que os comercios seguían idénticos e coas mesmas persoas detrás do mostrador, como se o tempo nos pasara».

A visión da cidade mudou. «porque se transformou, claro, pero foi máis lenta que outras cidades de Galicia. Santiago tardou en expandirse e en despegar, pero ten visión de futuro». Con todo, considera que moitas cousas fixéronse mal, «cometéronse erros que son malos de corrixir, como unha circunvalación que tiña que ter sido máis ampla».

Aurora decidiu dedicarse por completo á súa familia e descartou traballar ou validar os estudos que fixera en Puerto Rico, onde deu clase como mestra e onde chegou a ser presidente da Asociación de Mujeres Empresarias y de Negocio, «que tiña un eco social tremendo e diante de calquera entidade, era moi representativa». Pero a inactividade enfermábaa, así que entrou nas asociación de amas de casa Virgen de Bonaval, ata hoxe, «porque ninguén se quere facer cargo». É unha entidade a extinguir, pero conta cunhas 800 asociadas, das que un número delas asisten a actividades que organizan.

Das amas de casa deu o salto á política municipal. Foi concelleira independente polo Partido Popular unha lexislatura hai doce anos. «A experiencia foi boísima, unha das mellores que teño, aínda que foi complicada, porque ao mesmo tempo levaba a asociación de amas de casa e a federacións de consumidores, e porque ao principio custa collerlle a mecánica ao traballo». Non seguiu «porque ninguén mo pediu, porque me tería gustado, sobre todo porque se aprende moito na oposición».