Amancio Liñares presenta en Cuba os seus libros sobre a Unión Barcalesa e maila nova guía turística

La Voz

SANTIAGO

06 may 2009 . Actualizado a las 14:27 h.

Nun acto celebrado a pasada semana na Cátedra de Cultura Galega da Facultade de Artes e Letras da Universidade de La Habana, na illa de Cuba, o profesor e historiador barcalés X. Amancio Liñares Giraut presentou dúas das súas recentes publicacións, o libro Son para a Unión Barcalesa de La Habana (1907-2007) e a nova guía turística de Negreira.

A esta actividade asistiron diversos membros da citada comunidade universitaria, medios de comunicación cubanos, españois e galegos, así como representantes de varias asociacións de emigrantes galegos na Habana, entre os que se encontraban o presidente da Unión Barcalesa habaneira, Rolando Pérez Palmero, a secretaria desta entidade, Conchita Suárez Morilla, así como algúns dos seus asociados.

O libro Son para Unión Barcalesa de La Habana foi editado pola editorial 3C3 en 2007, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración, cadrando coa conmemoración do centenario da fundación desta entidade barcalesa na capital cubana. No texto de presentación deste volume dise que «o Val de Barcala foi un viveiro migratorio».

A Unión Barcalesa de La Habana representa a máis forte e senlleira entidade cultural-educativa dos emigrantes desta comarca no século XX. Creouse na capital cubana en novembro de 1907 e aínda ten vida de seu na actualidade. Na monografía reflíctense varios temas relativos á Unión Barcalesa: nacemento, organización, análise das súas memorias e libros de actas, actividades, creación e funcionamento das tres escolas erguidas pola Unión (Covas, Aro e Seoane), e finalmente a situación máis recente desta sociedade, que constitúe a única colectividade de emigrantes barcaleses organizada no mundo. Amancio Liñares dixo no acto que se marcara como obxectivo levalo á Habana e entregarllo en man aos directivos.

O autor tamén entregou exemplares da nova guía turística de Negreira, que será presentada o vindeiro día 15.