Se non facemos mítica dos setenta non podemos facer mítica da rebeldía, da primeira crise do petróleo, da contracultura, da liberación da muller, das resacas musicais, da heroína nin da pornografía. Son cousas que pasaron nos setenta e que agora miramos doutro xeito non porque sexamos máis maduros senón porque sabemos como acabaron. Pero falo do mundo como se, naquela altura, Galicia fose parte exacta do mundo.
E formaba parte ao seus xeito porque mentres nos setenta a pornografía era considerada contracultura, é dicir unha maneira de cultura, en Galicia a xente andaba a fuxir das cangas tentando cambiar o conservadorismo localmente rural para encontrarse con outro conservadorismo localmente urbano. Na transferencia houbo unha fenda e esa era a que iluminaba algo a escuridade da noite que parecía vir dos tempos.
Aquela luz tampouco era un prodixio de luminaria, pero daba para deslumbrar aos que quedaban máis preto porque cando levas toda a vida sen comer calquera bocadillo parece nouvelle cousine.
Os setenta, sen embargo, non conseguiron deslumbrar máis alá da súa circunscrición electoral e pasoulles como aqueles que serven para facer calquera cousa: acaban facendo calquera cousa. Así que chegaron os oitenta e todo o sucedido na década anterior parecía gris e triste e mesmo cutre. Iso mesmo pensando que a xente se liberara sexualmente e todo o mundo podía foder máis. Pero igual só se liberara o sexo oral.
Os oitenta cubriron os setenta e agora estamos na revisión sen entusiasmos duns anos nos que a xente alimentou esperanzas sen percatarse de que é inxenuo alimentar esperanzas cando podes engordar con calquera outra cousa. Esa mala escola dos setenta aínda se deixa sentir en algunhas actitudes, por exemplo nesa tan estendida de confundir unhas cousas polas outras: a rebeldía ca razón, a institución ca razón ou a pornografía co sexo. Confusións que son perniciosas para quen queira entrar nos matices das circunstancias.
A revisión non mítica dos setenta habería de levarnos aquel lugar no que existían petrodólares e carteis reclamando liberdade, amnistía e estatuto de autonomía. Un tempo na que a xente levaba unhas bufandas moi grosas e os pantalóns acampanados mentres fumaba desinhibidamente en todo canto recinto había. Agora parece o pasado, pero non é máis que o minuto anterior a este presente.