«Noite de Reis» represéntase esta finde de semena no Teatro Principal
22 ene 2009 . Actualizado a las 20:18 h.Mirando o tamaño da limusina de Obama doume conta de que a monarquía é inexorable. Non porque o talento sexa hereditario senón porque esta baseada nun principio de exclusividade que, a un tempo, exerce fascinación e melancolía.
A fascinación é porque segundo supón a maioría, alguén que está no cumio da pirámide ten dereito a cousas que para o resto de nós son imposibles. Por exemplo, unha limusina tamaño tráiler, un avión presidencial, un helicóptero, un millón de secretarios. Cousas que, ben calculadas, non caben na casa e facerlles sitio é carísimo. Pero aínda así, a pulsión das masas é saír da condición común e verse no medio dese sarillo.
A cuestión melancólica ten que ver ca nosa educación. Ao cabo apréndennos que as cousas de valor son as escasas. O último árbore dun lugar ten máis valor que un bosque. Un rei, polo tanto, ten máis valor que un fontaneiro. Porque hai menos, basicamente. Esa é a melancolía de pensar que sempre é mellor o que non temos ou o que non podemos ser.
Barack Obama será durante os próximos 90 días o rei do mundos. Non o escolleu o mundo. Só os Estados Unidos do América, pero non é elegante poñerse repunante tan cedo cas simplificacións. Así que agora mesmo o presidente do planeta acaba de inaugurar unha dinastía sen sucesores coñecidos que, como naqueles contos de reis xustos e preocupados dos seus súbditos, merece todas as carrozas que poida utilizar. Obama, como no ciclo artúrico, está tocado pola transparencia dos elixidos que ser presidente dos USA xa se encargará de enzoufar.
Pero como espectadores que somos de case todo menos das facturas, sentimos esa atracción para que a ficción se converta en realidade con nós de protagonistas. Cando non sucede, ou sexa sempre, quedamos resignados á fantasía. Quedamos atentos a esa singularidade e dámoslle valor de cambio.
Antes as monarquías eran míticas, despois de Shakespeare volvéronse carnais, foron cambiando os libros de historia polas revistas do corazón e nesas estamos aínda. Quizais porque Shakespeare e as revistas forman parte dun mesmo proceso separado só por moitos graos de calidade.
En Noite de Reis, ademais de todas esas consideracións de condición monárquica, hai unha de carácter político. Esta é unha monarquía desgobernada. Os seus súbditos agradécenlle que non se preocupen dos seus problemas que para iso xa está cada quen. Son xente que asubía e que canta cancións populares. Porque se non hai pobo sen música, como non van cantar os reis.