O vello oficio do augardenteiro

LUGO CIUDAD

O lugués Manuel Díaz é cañeiro e cada ano acude a Padrón para fabricar de forma artesanal o licor. A súa profesión está a piques de desaparecer en Galicia

28 may 2008 . Actualizado a las 10:51 h.

O oficio de augardenteiro está a piques de desaparecer. Sábeo ben unha das poucas persoas que aínda se dedica en Galicia a fabricación artesanal da augardente, tamén coñecida popularmente como caña. É Manuel Díaz, o cañeiro de Lugo que estes días está a concluír a campaña de destilación de bagazo de viño na aldea de Morono, no concello de Padrón, onde, máis por compromiso» que por profesión, atende a demanda duns cantos veciños.

Hai uns doce anos que Manuel, que ten 54, se dedica a este oficio que, como é habitual, herdou dos seus antepasados e, tamén como soe pasar, parece que non terá continuidade nos seus fillos. É de Lugo de modo que, para vir a Padrón, trae consigo un colchón para durmir na casa vella de Morono, propiedade dun veciño, na que se destila a augardente de toda a aldea e tamén daquelas persoas que, pouco a pouco, se van enterando da presenza do cañeiro.

Sen embargo, a estancia de Manuel este ano en terras padronesas será breve porque, tal e como explica, «hai pouco bagazo e tamén quen xa nin quere destilalo». Leva sete anos indo a Morono e, coma este, poucos xa que, segundo conta, «moitos nin sequera pañaron as uvas da viña». Por iso calcula que a cantidade de bagazo a destilar anda entre 2.000 e 3.000 quilogramos. É pouco, di o cañeiro, quen tamén engade que o seu oficio- ao que non se dedica todo o ano- «se perde». «Os vellos imos a menos e a xente nova non quere saber deste traballo senón que busca outros medios», explica Manuel.

Tamén di que xa quedan poucas zonas nas que faga falla o oficio de cañeiro unha vez que, cos anos, os veciños xa foron adquirindo as potas necesarias para destilar a augardente. Por certo, Manuel cre que é unha ocupación «bastante aburrida», pese a que os veciños do lugar lle fan compaña e lle dan algo de leria, xunto cunha radio que trouxo de Lugo. Ben, a compaña está en función do tempo xa que Morono é, coma o resto de Herbón, unha zona na que aínda se traballan moito as terras e na que, por suposto, hai cultivo do famoso pemento, tanto en invernadoiro coma ao aire libre. No primeiro caso, a produción xa comezou e o traballo require moito tempo dos produtores.

A opinión de que é un traballo aburrido pode vir, tal e como explica Manuel, de que, unha vez cargada a pota con bagazo, pouco máis hai que facer que controlar a graduación da augardente, que debe oscilar entre os 55 e os 60 grados. Máis froxa debe ser a caña de herbas.

Garrafa

Cada pota destila en torno a unha garrafa de caña, uns 16 litros, aínda que non todas xa que «depende do material», segundo di Manuel en referencia a calidade do bagazo. «Hai de todo, pero depende moito do coidada que estivera a uva na viña», explica. Na zona de Morono e o resto de Herbón a sona do viño catalán non destaca pola súa calidade o que, precisamente, beneficia a augardente. «Canto máis malo é o viño, mellor é a caña», asegura Manuel.

O curioso deste veciño de Lugo é que «nunca fun amigo de tomar augardente, ata parece que lle teño odio»», conta. Iso si, coma calquera, gusta dun vasiño de viño a hora da comida e, en Morono, hospitalidade non lle falta xa que, despois de sete anos, ten abertas as portas das casas. Manuel está a piques de volver a casa, a Lugo, tras uns días na zona de Padrón, a onde acude cada ano por «compromiso» cuns cantos veciños que o agardan sempre neste tempo, co bagazo gardado en bidóns e listo para encher os alambiques, que son propiedade do cañeiro e que trae da súa terra.

O resto do ano, Manuel ten outra profesión, na que fai un paréntese para acudir a Padrón xa que do oficio de augardenteiro «non se vive». De feito, Manuel conta que «antigamente había moitos», pero hoxe en día «quedamos poucos». De feito, el vai camiño de converterse nun dos derradeiros cañeiros de Galicia.