«O alcalde de Maceda minte e probablemente prevarique»

Jesús Manuel García

OURENSE

O responsable do hotel asegura que pode demostrar con documentos cada alegación empregada polo Concello para clausurarlle a concesión de 20 anos

17 oct 2007 . Actualizado a las 03:41 h.

Mentras onte o acalde Maceda solicitaba unha orde xudicial de desaloxo do castelo, José Ignacio Palomanes non está disposto a entregar as chaves porque séntese seguro de cumprir o convenio. El asegura que ten documentos dabondo para desmentir todo o que o Concello lle reprocha.

-¿Que pasa no castelo?

-É unha situación de atropello. Estamos sitiados sen poder realizar a nosa actividade, sen que os empregados poidan entrar a traballar. O luns pola noite impedíuselle entrar a unha traballadora e onte pola mañá ó resto do persoal. O luns impediuse a entrada a unhos hóspedes de Israel e pola noite a outro cliente. Incluso se lle chegou impedir a entrada a un irmán meu que ía visitar á nosa nai. Podemos imaxinar os momentos de certo nervosismo e ansiedade porque non pudo visitala. Só se permite a miña entrada e saída así como á miña nai.

-¿Cantos policías lles vixían?

-Desde as 17.00 horas do luns ata as 21.00 horas houbo catro policías locais de Maceda e de Allariz. Está todo denunciado.

-¿Cantas denuncias hai?

-Xa presentamos tres o luns de tarde por coacións ós clientes e por impedirnos facer a nosa actividade. Onte pola mañá presentaron denuncias as tres traballadoras que non poideron entrar. O Concello pediu o auxilio das policías municipais de Allariz e de Ourense. Toda a noite do luns estiveron tres policías ata ás 02.30 horas, momento no que nos fumos deitar. Despois cremos que seguiron eses tres policías. O alcalde estivo toda a tarde do luns alí ata as 02.30 horas. Onte de mañá volvía estar e tamén acudiu pola noite o secretario da corporación e varios concelleiros do BNG. Tamén atopábanse funcionarios con chalecos, algúns de Protección Civil. O coche patrulla e as motos están a metro e medio do portón, dentro da finca que administramos. Nós chamamos á Garda Civil.

-¿Que pasou onte de mañá?

-O alcalde intentou negociar coa miña nai, algo insólito, sabendo que eu estaba ausente.

-O alcalde dixo que Ricardo Gómez non lle consta como traballador no castelo.

-Cónstalle ó Concello por escrito dirixido o 22 de maio de 2006. Aparece nos últimos TC-2 enviados. Ricardo queda pola noite na recepción e os luns, coidando o edificio. O luns estaba outra axudante de camareira. E dous clientes de Vigo que pagaron a factura e esperaron amablemente a que se fora a delegación municipal. Entenderon a nosa explicación.

-Bótanlle en cara que non cumpren co número de traballadores.

-No castelo, aí ten a documentación, hai a día de hoxe seis empregados máis eu, como administrador. Desde o 19 de maio do 2006 temos todo o persoal que esixe o plan de explotación. Ante esto o alcalde de Maceda minte e probablemente prevarique.

-No pleno díxose que cometeron infraccións turísticas.

-Podo demostrar que non cometemos nin unha sola infracción nen no eido de traballo, nen en sanidade nen en consumo. O 12 de agosto do 2006 houbo unha reclamación dunha parella que entrou na tarde da festa do tattoo e foise ó día seguinte alegando que non poideron descansar. A festa acabou á unha da mañá. Pero andaban uns nenos no ascensor e desconectámolo uns minutos A parella protestou á hora de subir as maletas pola tarde e conectouse de novo. Presentaron queixa e multóusenos con 200 euros, infración leve recurrida desde febreiro do 2007 en alzada. E non definitiva en vía administrativa. A outra infración foi porque querían que lles devolveramos 30 euros, non existe na normativa galega turística e xa caducou. Non temos ningunha sanción no eido turístico.

-¿Que pasa co informe do arquitecto asesor municipal?

-O 18 de setembro pasado fixo a primeira visita ó castelo e foi cos planos orixinais do proxecto, a comprobar os cambios lóxicos. Pero non viu o plan de explotación. As portas de cristal da entrada están no plan de explotación e puxéronse o 1 de xuño de 2004, inventariadas polo secretario e aprobadas polo pleno. A pérgola do torreón sur tamén estaba no plan de explotación, inventariada e aprobada polo pleno e o mesmo pasa coas planchas de policarbonato.

-¿E as luces nos muros?

-O prego de cláusulas dí que temos que ter boa iluminación nocturna exterior. O castelo ten centos de furados, entre eles os da festa medieval. As luminarias, de forxa galvanizada, non danan elementos sustanciais. Algunhas están nos muretes reconstruidos. Fíxenllo saber ó secretario. O mesmo co baño do oficce e xa me dixo que non era necesario porque íanme abrir expediente de caducidade. Non hai contra nós ningún expediente sancionador de Patrimonio. A estufa co tiro polo oco da escaleira púxose en novembro do 2005. Tamén o coñecía o secretario. Suliña a recepción e reforza a calefación central. Sinto perplexidade e estupor polo informe do arquitecto porque non compara o que hai co que vén no plan de explotación aprobado polo pleno. Tamén nos critican o cambio de ubicación da barra da cafetería. Foi no 2006, sábeo o secretario e non se fixo obra.

-O Concello alega que cobran servizos non prestados.

-Os prezos comunícanselle ó Concello e están expostos. Non temos unha soa protesta por cobrar un prezo non axeitado. Hai milleiros de facturas que o demostran. Os prezos do hotel e salas de actos cambian cada 1 de xaneiro, os do resturante, en maio e os da cafetería modifícanse en agosto. Os prezos son inferiores ós ofertados. A carta subiuse este ano ata o máximo fixado no plan de explotación.