A palabra certa

Ramón Villares

OPINIÓN

08 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A desaparición da mellor e máis emblemática copia que no mundo existe do Liber Sancti Iacobi, máis coñecido como Códice Calixtino, constitúe unha enorme agresión ao patrimonio cultural da humanidade, perpetrada neste caso no seo do seu titular patrimonial que é a Igrexa de Santiago de Compostela, pero que nos afecta a todos. Trátase dunha agresión que non se pode ponderar só polo valor material que o Códice poida ter, senón pola dimensión simbólica e polo carácter referencial para o feito xacobeo e para a identidade cultural de Galicia que representa esta verdadeira ópera prima da cultura europea do século XII. Escrito en lingua latina nos tempos gloriosos do arcebispo Diego Xelmírez, por autores ben coñecedores da vida compostelá e tamén da Europa cluniacense de tradición carolinxia, o Códice Calixtino forma parte, coa coetánea Historia compostelá mandada escribir polo propio Xelmírez, da diarquía fundacional da imaxe de Galicia como unha cultura cristiá de Occidente. Poucas culturas europeas poden gabarse de contar entre o seu acervo patrimonial con obras tan ambiciosas e tan influentes como estes dous monumentos literarios, aos que decontado se sumarían os Cancioneiros, xa compostos en lingua romanceada. Alén do valor que ten o Calixtino para a tradición xacobea, a súa relevancia para un lector actual está na descrición de Galicia e dos seus moradores. Os autores do texto designan Galicia como a «terra dos galegos», cos seus lindeiros orientais xa ben demarcados a partir dos montes de León e do Cebreiro. Trátase dunha fixación clara e meridiana do territorio, que só era posible facer grazas ao feito da peregrinación a Compostela que chegaba de ultraportos. Pero ademais de designar, o texto compara as xentes galegas coas da Galia francesa, para concluír que «os galegos seméllanse bastante nos costumes á nosa xente gala máis cos outros pobos españois». A distancia que vai desta descrición positiva á que fixeran os autores clásicos, como Strabón, é inmensa. Porque o punto de vista que transmiten os autores do Códice importa máis que os contidos. A «terra dos galegos» non é unha terra lonxana e periférica, senón que grazas ao culto xacobeo e á figura do Apóstolo, é un haut lieu da cultura europea. Non sei se quen roubaron o Códice serán conscientes do que fixeron. Pero nós sabemos que nos están a privar, máis que dun texto, dunha palabra certa sobre o que somos e onde estamos. E sen palabra non hai cultura.