«Dá máis medo un primeiro plano que un patio de butacas cheo»

camilo franco

CULTURA

O actor podería ser Décimo Xunio Bruto na primeira película de romanos en Galicia.

16 ene 2011 . Actualizado a las 09:44 h.

A Luís Tosar estanlle prohibindo o descanso. O seu nome aparece de primeiro nos repartos, é un habitual dos premios Goya, un clásico dos Mestre Mateo e xa máis pronto que tarde poderá aspirar aos María Casares, en canto afronte ese reto de encabezar o reparto do Centro Dramático Galego e lle poña voz a Mackie o Navalla en A ópera de tres reás.

A pregunta tópica, agora que volve ao teatro, é se mete máis medo unha cámara en primeiro plano ou un patio de butacas cheo de xente.

A cámara en primeiro plano dá máis medo que un patio de butacas. Eu prefiro os patios de butacas, porque diante da cámara non te podes equivocar. Se o fas mal nótase e non hai amaño. Co público hai máis marxe e, de feito, no cine, sempre prefiro que a cámara estea a distancia, que traballe cun teleobxectivo. Por outro lado, nunca sentín a presión do público. Mesmo nas estreas de teatro o que penso é que chegou a hora, que hai que facelo e que non vai saír peor que nos ensaios.

Volve estar nominado aos Goya. ¿As cousas boas nunca cansan?

Non, non cansan. Hai veces que son máis esperables. Pero este ano con Bardem, de la Torre e Reynolds, eu non me vexo con posibilidades. Creo que vai ser moi dura esa competición.

Está nominado por «También la lluvia». Chama a atención o retrato que a película fai dos equipos de rodaxe.

Está moi ben esa visión crítica que está xa no guión de Paul Laverty, porque no cine social pasa que podes chegar a crerte máis importante que a historia que estás contando. Eu participo desa crítica. Pero quizais o retrato do equipo é só real en parte porque na película a circunstancia que se conta é moi singular.

¿Pódese interpretar tamén como unha crítica á actitude dos occidentais que dan consellos e cando pinta mal marchan?

Iso está aí e de feito nós estabamos nun hotelazo. Tamén é verdade que aos que participaron na película pagóuselles moito máis do que cobran os personaxes na historia. Diso asegureime e co que cobraron podía botar o resto do ano sen traballar.

Cando unha directora, como é o caso de Bollaín, chama reiteradamente, ¿que significa para o actor?

O que eu noto é que cada vez falamos menos. Non para mal, senón que temos un camiño avanzado. Noteino nesta película porque eu sei como traballa e vin que tiña certa vantaxe sobre os outros actores en que sabía o que me ía pedir. A ela non lle gusta moito o traballo de mesa, quere poñer as cousas en pé en seguida e a min pásame un pouco igual. Pero o que me pasa cando me chama Icíar por unha banda é que me gusta e, por outra, é que me mete medo porque é moi esixente.

Interpreta a un produtor. Vostede, que tamén o é, ¿séntese identificado profesionalmente?

Para nada. Ese é un tipo de produtor dos novos, dos que pasan todo o día na rodaxe, como Emma Lustres, Borja ou como o meu socio Farruco, que son xente que está a pé da máquina. O meu traballo como produtor non ten nada que ver con iso.

¿Segue adiante o proxecto de rodar unha película de romanos en Galicia?

Está en marcha. É unha historia ambientada na última invasión de Galicia polos romanos de Décimo Xunio Bruto. Enfronte ten a Indortes, un dos últimos caudillos castrexos, e conta ese momento de loita do último territorio, pero tamén quere explicar que a historia sempre é contada polos vencedores. A coña é que fago de Xunio Bruto.