O autor, Xesús González Ferro, escribiu un libro de consulta que pode ser lido como se fose un ensaio
27 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu onte a presentación do Dicionario do surrealismo e surrealistas , escrito por Xesús González Ferro e editado por Promocións Culturais Galegas, un libro que fai un percorrido pola historia do movemento desde os seus antecedentes, como o dadaísmo, ata os diferentes grupos surrealistas que aínda quedan a día de hoxe.
Xosé Manuel Acuña, director literario de Promocións Culturais Galegas, presentou esta nova publicación de Xesús González Ferro, que desde hai moitos anos se dedicou a recoller as noticias sobre o acontecer do surrealismo e o movemento cultural que lle daba contorna. Este proceso acumulativo deu lugar a unha serie de entregas en forma de ensaios, libros e antoloxías que González Ferro publicou noutra editorial galega, Laiovento. Alí, o autor estudou a poesía, o teatro e a política dos surrealistas así como os manifestos das vangardas surrealistas e do entorno do surrealismo. Todo este traballo persoal feito durante décadas ía acompañado dunha acumulación de documentación que, nun momento determinado, González Ferro quixo que collera corpo doutra maneira, optando pola fórmula clásica dun dicionario.
Para Xosé Manuel Acuña, o dicionario de Xesús González Ferro é un dicionario moi especial, un dicionario persoal. «Este proxecto -explicou Acuña- nace en Galicia para inserir na cultura galega todos os movementos e as personalidades do surrealismo».
Para abordar esta edición, en Promocións Culturais Galegas viron que era fundamental contar coa colaboración «da institución que en Galicia máis defende e estuda o surrealismo, como é a Fundación Eugenio Granell».
A súa directora, Natalia Fernández Segarra, entusiasmouse coa idea, e así foi como Promocións Culturais Galegas puxo en marcha o proceso de edición desta obra que, Xosé Manuel Acuña, insistiu, «é un dicionario de autor» pois «aínda que ten o aspecto canónico das voces dun dicionario, hai opinión e ensaio. O libro pode ser consultado como un dicionario, pero tamén pode ser lido de corrido como se fose un libro de ensaio».