«'Shakespeare para ignorantes' é como un libro de autoaxuda»

LUGO CIUDAD

Mofa e Befa, coa inestimable colaboración de Quico Cadaval, presentan unha montaxe pola que desfilan as personaxes esquecidas do dramaturgo inglés

22 ene 2010 . Actualizado a las 13:40 h.

Coñecéndoo, poucos perderían a oportunidade de escoitar a Quico Cadaval nunha palestra. A oportunidade existe. O cómico ribeirán é arte de parte do último espectáculo de Excéntrica Producións, Shakespeare para ignorantes, un título comercial. «Por unha parte empregamos o nome dun dos dramaturgos máis importantes que hai e por outra banda di que é para ignorantes, o que supón un desafío engadido, porque vai alí sabendo que hai un espectáculo para ignorantes, polo que se non o asumen, teñen que finxir que tanto lles ten ser ignorantes», explica Evaristo Calvo, metade de Mofa e Befa.

De todos os xeitos, «como saben que é un título comercial, a xente vai tranquila», engade Víctor Mosqueira. Aínda que semelle que a ofensa está presente no título, os creadores cínguense á definición de ignorancia da meirande parte dos dicionarios: «Falta de ciencia ou de noticias sobre un asunto particular ou xeral». O público ao que se dirixen, polo tanto, é aquel falto de noticias de Shakespeare. Así que ofensas, poucas, agás polo feito de que a morea de escenas recollidas ?e de personaxes da obra de Shakespeare esquecidos polo tempo ou agochados tras os grandes nomes da produción do xenio inglés? tratan, fundamentalmente, «da ruína humana. Dáselle un especial interese ao tema do cornudo no sentido da persoa que se sinte enganada», explica Cadaval, director e argallán da comedia. «Como é unha sensación moi estendida, pensamos que pode haber moita identificación».

Precisamente, a palestra que imparte o «profesor» Quico Cadaval será interrompida polo dúo cómico Mofa e Befa, que fan as veces duns actores «talentosísimos, mais temporalmente desempregados» e que serán os que desenvolvan as escenas shakesperianas. Eles son os fundadores do movemento artístico coñecido como perralleirismo. Perralleiros son os roles que aparecen en escena: asasinos, mendigos, bufóns, conspiradores, chivatos... morralla que poucas veces se converte no protagonista.

Son personaxes extraídos das grandes obras do literato inglés, como Macbeth, Hamlet, Romeo e Xulieta, Otelo ou O rei Lear, que moitas veces nin sequera teñen nome, como ben apunta Mosqueira. A idea fundamental era traballar sobre personaxes e situacións menos tópicas ás que a historia da literatura creou para Shakespeare.

No caixón

A iniciativa de crear unha montaxe escénica arredor dos esquecidos de Shakespeare levaba anos no caixón, segundo lembra Víctor Mosqueira. Bateuse en duelo con outra idea: a de facer unha obra sobre a Biblia en verso. Como é lóxico, gañou a primeira. «Ás veces aparece o título e non se sabe o que vai dentro da obra», explica Quico Cadaval, que coincide cos seus compañeiros en que o proceso creativo dos seus proxectos, moitas veces, ten algo de esbardalle, de brainstorming.

Lembran que as mellores ideas xurdían nas viaxes de volta das actuacións, da canseira dentro da furgoneta. «Agora, como nos bañamos en champán ?chancean? temos que tirar de vellas ideas».

O certo é que o traballo pospuxo a montaxe desta obra, de máis dunha hora de duración e á que lle houbo que aplicar as tesoiras a fondo, «porque se non os espectadores morrerían», di Evaristo Calvo sorrindo.

En todo caso, Shakespeare para ignorantes pretende converterse nunha caste de libro de autoaxuda no que os textos de Shakespeare sirvan para solventar os problemas da vida diaria. Así que os ignorantes ?no sentido de faltos de noticias? e os que se senten enganados, moitas veces con razón, teñen a oportunidade de sumarse á catarse colectiva que se dá arredor dunha obra que segue a estela humorística de Mofa e Befa.

Representarán a Galicia na Muestra de las Autonomías

A Muestra de las Autonomías que cada ano organiza o Círculo de Bellas Artes de Madrid cumpre quince primaveras. «Como fan anos, esta vez decidiron que houbese unha representación de cada comunidade», explica Quico Cadaval. «En todas partes representamos a Galicia, é unha bandeira e unha honra», chancean os tres integrantes do elenco de Shakespeare para ignorantes. Rematado o chiste, Evaristo Calvo explica que o que representan é que son a única compañía galega que acode á mostra. Ergo, representan a Galicia como eufemismo. Repiten logo, pois xa foron ao Círculo de Bellas Artes madrileño con outra montaxe, Obra, da que o público saíu «moi agradecido». Este ano, por suposto, sairán «menos burros do que entraron, que é unha cousa bastante boa».

Pero non só de Shakespeare e os ignorantes que corren polo mundo viven Mofa e Befa. A súa metade, Evaristo Calvo, está xa xirando por toda Galicia cun espectáculo que non deixa indiferente a ninguén: O turista madrileño, ese home chegado da mesmísima capital do reino que naceu en Air Galicia. «É susceptible de ofender», recoñece Evaristo Calvo, álter ego do turista. Pero tamén ten claro que ofende a quen non o entende e non está dirixido a quen non o entende. «Non é para ignorantes», engade Quico Cadaval.

¿E a Cari? ¿Onde vai esa sufrida muller con chándal de deseño que segue ao seu marido ata á corredoira máis angosta? «A Cari está na casa coa miña sogra, que está un pouco empachada», confesa o turista.

Polo pronto, o turista madrileño sacará fotos o próximo 29 de xaneiro na sala Clavicémbalo de Lugo a medianoite. Ao día seguinte estará na Fundaçom Artábria, en Ferrol, a partir das 20.30 horas.