Algúns problemas coa imaxe exterior do Camiño de Santiago

La Voz

CULTURA

22 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Camiño de Santiago é un dos elementos máis coñecidos de Galicia en Brasil, mesmo contando coa divulgación que lle fixo Paulo Coelho. Sen embargo, para os brasileiros presentes no encontro do Consello da Cultura Galega que coordina Elías Torres, esa mesma imaxe pode ser un problema por canto está moi escorada ao espiritual ou ao relixioso. Tendo en conta o explicado nestes encontros, nalgúns sectores de Brasil o Camiño de Santiago está na mesma liña de Fátima ou Lourdes e polo tanto provoca un tipo de turismo que, en realidade, non manifesta moito interese polas culturas dos países que visita.

Máis perspectivas

Apuntan os reunidos en Compostela que esa imaxe desmobiliza aos interesados en viaxar por motivos diferentes do relixioso, o que explica a necesidade de contar o Camiño de Santiago doutro xeito e, ao tempo, explicar que hai máis perspectivas que a estritamente relixiosa ou espiritual.

Nese sentido apuntan que tamén sería necesario definir a priori a imaxe que Galicia quere ofrecer en Brasil, unha imaxe que, segundo explicaron, poida ligar coa circunstancia cultural que vive ese país e que pode resultar atractiva para os máis novos. Apuntaron que, no seu parecer, a cultura galega ten elementos que poden fornecer esa imaxe e que deberían ser divulgados.