A cultura galega busca estratexias para facerse visible no Brasil

Camilo Franco

CULTURA

Campañas de difusión entre os estudiantes brasileiros e unha exposición en Sao Paulo, algunhas das iniciativas

22 jul 2009 . Actualizado a las 17:11 h.

Brasil medra, pero a visibilidade da cultura galega nese país non. A pesar da proximidade lingüística e mesmo da importancia da emigración galega que se rexistrou alá, a presenza galega é limitada e, para as maiorías, descoñecida.

Hoxe terá lugar o terceiro e último día do Encontro das estratexias culturais de Galicia no Brasil, celebrado no Consello da Cultura Galega e que foi repasando desde o comezo da semana sector por sector cal era a actual visibilidade galega e que estratexias habería que adoptar para melloralas, ademais das xa existentes desenvolvidas polo Consorcio Audiovisual de Galicia ou os acordos entre editoras galegas e brasileiras para a compra común de dereitos de autor.

Os participantes sinalaron que a visión da cultura galega estaba en liñas xerais mediatizada polo Camiño de Santiago e por unha imaxe folclórica ou anticuada do país. Os representantes do cine, da música ou da literatura brasileira apuntaron que esta imaxe era especialmente negativa para as xeracións máis novas, mesmo para as segundas ou terceiras xeracións de descendentes de emigrantes galegos no Brasil.

Neste sentido os participantes brasileiros no encontro sinalaron que sería importante acometer unha ofensiva de divulgación da cultura galega entre estudantes de secundaria e máis universitarios explicando cal é a dimensión, a diversidade e a importancia da cultura do país.

Para a profesora universitaria Yara Frateschi Vieira dúas propostas de factible resolución sería a realización no Museo da Língua Portuguesa en São Paulo dunha ampla mostra sobre a cultura galega. Vieira sinalou que este era un museo que recibía 50.000 visitantes mensuais e que, de partida, o museo era favorable a esta iniciativa.

Tamén sinala a profesora a posibilidade de editar unha guía titulada A Galiza para joven brasileiros que ampliase o coñecemento que teñen sobre o país.

Tamén se apuntaron no encontro algúns proxectos de máis longa duración, colaboracións editoriais para publicar autores galegos en Brasil, programas de intercambio de investigación ou de estudantado. Neste mesmo sentido o escritor e xornalista Luiz Ruffato apuntou que sería necesario editar unha antoloxía de narrativa galega de carácter panorámico que fose o primeiro paso de publicación de libros individuais dos autores galegos. Ruffato sinalou que é necesario que as comunidades descendentes de galegos no Brasil tomen contacto outra volta coa cultura do seu país.