Os membros da Academia dudan entre homenaxear ao investigador ferrolán ou ao poeta do Caurel
14 jun 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Non é necesario dedicarlles demasiado tempo ás hemerotecas para comprobar que se algún vaticinio é especialmente proclive a frustrarse é o que intenta adiviñar o nome do autor ao que se lle vai dedicar o Día das Letras Galegas. Pasa case coma cos papables , entre os que xa é tradición que os sinalados saian como cardeais dos conclaves -é dicir: igual que entraron-, mentres a tiara pontificia recae nalgún purpurado que ninguén mencionara antes. Mais, así e todo, o certo é que este ano, entre os académicos, sempre tan reservados no que a estas cuestións respeta, circulan dous nomes con especial insistencia: o do profesor e escritor ferrolán Ricardo Carballo Calero e o do Poeta do Caurel, Uxío Novoneyra. «Hoxe xa non quedan candidatos da xeración e o valor literario de don Ricardo», dicía esta mesma semana un dos dirixentes da Academia, recoñecendo que «a verdade é que o Día das Letras, a Carballo, xa se lle podería ter dedicado».
En cambio, outros compañeiros seus sinalan directamente a Novoneyra como principal candidato, á vez que advirten que se ben están de acordo en que «antes ou despois ten que saír Carballo», esté «aínda non será o seu ano». No 2010 celebrarase o centenario do nacemento do autor ferrolán, para o que demanda un Día das Letras, buscando apoios en toda Galicia, o Concello da súa cidade natal, ademais de asociacións culturais como Medulio. E ese centenario coincidirá cos dez anos do pasamento do Poeta do Caurel, para o que tamén se pide o recoñecemento da Academia en Galicia enteira.
As biografías
Uxío Novoneyra naceu en Parada de Moreda, no Caurel, en xaneiro do ano 1930. E aquel paisaxe no que viu a primeira luz quedaría vencellado para sempre á súa obra. Tras cursar o Bacharelato en Lugo, marchou a estudiar Filosofía e Letras a Madrid, onde mantivo unha intensa actividade literaria. A comezos dos anos sesenta retornou a Galicia. Foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Faleceu en Santiago de Compostela en outubro de 1999. Poemarios como Os eidos forman parte, xa, do patrimonio de toda Galicia.
Compostela foi tamén a cidade na que rematou os seus días Ricardo Carballo Calero, que faleceu en 1990. Nado en Ferrol, no ano 1910, foi catedrático da Universidade de Santiago, ademais de membro numerario da Real Academia Galega. Autor de auténticos obras de referencia no ámbito universitario, como a súa Historia da Literatura Galega Contemporánea. Como creador a súa obra abrangueu desde a poesía ata a narrativa, pasando polo teatro.